Site icon Crónica3.com A Mariña

A presidenta da Deputación valora “moi positivamente” o acordo unánime alcanzado no pleno

Lugo, 14 de xullo de 2015.- A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, valora “moi positivamente” o acordo unánime alcanzado este martes pola tarde no pleno de organización do organismo provincial.

En concreto, Candia destaca que todos e cada un dos acordos da orde do día foron aprobados por unanimidade entre as tres formacións políticas, tanto o réxime de sesións, a creación e composición das comisións, o nomeamento dos representantes como os réximes de retribucións dos membros da corporación e dos grupos políticos.

A presidenta da institución provincial agarda que esta forma de traballo “en consenso, sexa a tónica predominante da Deputación de Lugo, o que permitirá sacar adiante iniciativas que redunden no beneficio tanto do bo funcionamento da institución como nas consecuencias positivas que esta forma de traballo ten para os cidadáns”.

En canto ás propostas aprobadas durante a sesión plenaria, Elena Candia di que non presentan apenas variacións con respecto ás do ano 2011, e engade que, polo tanto, o global dos importes son similares aos da última lexislatura.

Por último, a presidenta provincial explica que a composición da corporación continúa a ser a mesma ca de 2011 polo que a organización da institución tamén se manterá de xeito moi similar.

Exit mobile version