Agasallada con ramos lanzados ao mar, en recordo dos ausentes, ou tras engalanar o percorrido da procesión con alfombras florais nas rúas máis antigas do pobo, veciños e visitantes esbozan a súa peculiar e emotiva homenaxe á patroa dos homes e mulleres que viven por e do mar.
Desde que no século XVII o Papa Pablo V fixase o 16 de xullo como data para a festividade da advocación mariana do monte Carmelo, centos de vilas costeiras, en toda a xeografía mundial, renden o seu particular fervor a fermosa imaxe que luce, no caso de San Ciprián, nun dos altares laterais da igrexa parroquial de Lieiro.
Aquela é a festa daqueles que teñen o corazón mariñeiro, e por iso visten ao uso: camisa branca, escapulario e pantalón azul. Imaxe dos antigos mariños que portaban as súas mellores galas cando acompañaban á imaxe venerada.
Un ano máis centos de veciños sairemos en procesión, desde terra mirando ao mar. Ben é certo que en pobos como San Ciprián a pesca xa non é a principal actividade da maioría dos lugareños, pero o océano segue a ser porta de entrada doutras riquezas como as que abastecen á multinacional do aluminio, ou forman os areais que constitúe o atractivo básico dos turistas que escollen o noso pobo para pasar o verán.
O mar forma parte do ADN dos pobos e viñas costeira de Galicia, está dentro da alma de centos de veciños que sofren esa particular morriña dos que nacen e viven en porto de mar. Dos que cando están lonxe botan en falta o ulido a sal, o son das ondas batendo nas rochas, botan en falta perder a mirada máis aló do horizonte azul ou perseguen coa mirada o ronsel que deixa unha pequena lancha.
¡Feliz Día do Carme veciños! Feliz día a todos, vivan onde vivan. A todos aqueles que non poden pasar un verano sen escoitar emocionados esa melodía que grita ao ceo: Salve!, Estrella de los mares
José Manuel Balseiro Orol
Voceiro do Mar do Grupo Popular de Galicia.