Site icon Crónica3.com A Mariña

A vixianza policial reforzarase en Mondoñedo durante a celebración do Mercado Medieval

Lugo, 23 de xullo de 2015.- O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e a alcaldesa de Mondoñedo en funcións, Mª Ángeles Rodríguez Rico, copresidiron na mañá deste xoves unha reunión ordinaria da xunta local de seguridade na que, ademais de analizar a evolución delincuencial no municipio, se detallou o plan de seguridade deseñado polo Concello de cara á celebración do Mercado Medieval, que se desenvolverá entre os vindeiros días 7,8 e 9 de agosto.

Tal e como se acordou no encontro desta mañá, os efectivos da Policía Local intensificarán os traballos de vixianza para evitar incidentes no transcurso desta cita festiva en Mondoñedo, así como durante a celebración das citas festivas que congregarán a máis público en Mondoñedo durante os vindeiros meses, como é a Festa de As San Lucas ou a dos Remedios. A Garda Civil comprometeuse a traballar conxuntamente cos efectivos da Policía Local para reforzar os seus dispositivos de seguridade. De xeito especial, os axentes centraranse en vixiar o tráfico para favorecer a circulación fluída e evitar problemas nas estradas, e en previr a comisión de posibles delitos no casco urbano, onde se rexistrarán as maiores concentracións de xente.

O traballo conxunto e coordinado dos dous corpos policiais permitirá facilitar unha atención máis áxil e eficaz tanto aos veciños como aos visitantes que se acheguen a Mondoñedo durante ditas celebracións.

Lixeiro descenso da delincuencia
Os membros da xunta de seguridade fixeron tamén hoxe unha análise global da situación delincuencial durante os seis primeiros meses do ano 2015 en Mondoñedo e destacaron que, atendendo aos datos de denuncias rexistradas no conxunto do ano no municipio, os delitos rexistraron un lixeiro descenso con respecto ao ano anterior.

Na xunta deste xoves, ademais do subdelegado do Goberno e a alcaldesa en funcións de Mondoñedo, participaron tamén representantes da Garda Civil, a Unidade de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local.

Exit mobile version