Site icon Crónica3.com A Mariña

AGEe: Seminario internacional – Impacto da liberalización do sector lácteo en Europa. Que futuro?

Bruxelas, 22 de xullo de 2015.- A desaparición do control público da produción leiteira mediante a finalización do sistema de cotas imposto dende a Unión Europea está a ter como consecuencia unha distorsión completa das relacións profesionais entre produtoras/es e empresas lácteas, provocando o sometemento do sector produtor aos intereses salvaxes do rápido beneficio económico apurado polas industrias. No marco deste liberalismo salvaxe, os prezos do leite na Galiza atópanse en niveis mínimos, insuficientes nin tan sequera para cubrir custos de produción e, polo tanto, incapaces de proporcionar unha remuneración xusta ás gandeiras e gandeiros.

Posto que a situación do sector leiteiro galego, nomeadamente as chantaxes da industria a través dos ceses de recollida e caída de prezos, garda relación directa ca situación global dun mercado lácteo nun avanzado estado de liberalización, Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) quere proporcionar un espazo de diálogo, debate e intercambio entre produtoras/es galegos e doutros países europeos e americanos, “a fin de podermos concretar as claves principais do mercado leiteiro a nivel mundial neste novo escenario e, sobre todo, intercambiar puntos de vista e reflexionar sobre estratexias de loita que nos leven a conseguir a estabilidade á través da garantía pública de prezos mínimos que cubran custos de produción e remuneren o traballo”, explicou a eurodeputada de AGEe Lídia Senra.

Durante os días 2 e 3 de setembro, gandeiros/as galegas participarán no Parlamento Europeo (Bruxelas) no seminario internacional “Impacto da liberalización do sector lácteo en Europa: Que futuro?”. Esta iniciativa está organizada polo Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), promovida pola propia Senra, o eurodeputado de EH Bildu Josu Juaristi e a eurodeputada do partido finlandés Vasemmistoliitto (Left Alliance), Merja Kyllönen, contando na súa apertura ca intervención da presidenta do GUE/NGL, a alemá Gaby Zimmer, do partido Die Linke.

A xornada principal desenvolverase a través de dúas mesas de debate. A primeira delas, centrada na análise da situación do sector produtor e mercado lácteo na Unión Europea, contará ca participación da Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG) e produtora de leite, Isabel Vilalba, en representación da Coordenadora Europea Vía Campesina (CEVC); o produtor de leite e membro do colectivo de agricultura agroecolóxica de Euskal Herria EHKOlektibo, Mikel Azkarate; o produtor alemán Romuald Schaber, presidente do European Milk Board (EMB) e Nicolas Bezençon, da organización suíza Uniterre (CEVC).

A segunda mesa abordará a situación so sector leiteiro a nivel global. Será desenvolvida pola canadense Diane Dowling, presidenta da National Farmers Union (NFU) Local 316; o presidente da Federación Nacional Sindical Unitaria Agropecuaria (FENSUAGRO) de Colombia, Néstor Alfredo Díaz, e o experto independente en políticas agrarias Gérard Choplin.

Neste encontro no Parlamento Europeo participará tamén unha delegación integrada por 24 gandeiras e gandeiros galegos, así como representantes do sector leiteiro convidados/as por varias delegacións do GUE/NGL.

Este seminario terá ademais continuación na Galiza a través dun encontro aberto en Santiago de Compostela o venres 4 de setembro. Nesta xornada participarán a representante da canadense National Farmers Union (NFU), Diane Dowling, e o representante do sindicato colombiano FENSUAGRO, Néstor Alfredo Díaz.

“O sector leiteiro e a sociedade galega en xeral somos plenamente conscientes da importancia de loitar unidas nestes momentos, como ficou demostrado na grande mobilización do pasado venres 17”, sinala Lídia Senra, “é intolerábel que, mentres tanto, a Ministra argumente estar demasiado ocupada para reunirse co sector e que a propia Conselleira tente minimizar a gravidade do que está a acontecer. Esta actitude evidencia unha irresponsabilidade absoluta, mais tanto o sector como a cidadanía temos claro que imos ser contundentes e dar a batalla”.

Exit mobile version