Tras a foto de familia e o acto oficial, no que o alcalde, Argelio Fernández, lle fixo entrega dun recordatorio do municipio, o técnico da Vermella compartiu co alumnado as súas experiencias á fronte da Selección, pero tamén tivo tempo para a práctica, nunha sesión na que estivo acompañado polo xogador fonsagradino do Parrulo FS Ismael Sanmartiño.
Clausura
Os 40 alumnos/as de entre 5 e 17 anos que acolleu a primeira edición do clínica na Fonsagrada porán o broche final á súa aprendizaxe futbolística este sábado nunha divertida xornada de portas abertas, con competición incluída.
Non só adestramentos de fútbol sala, senón tamén torneos e outros deportes (futvoley, rugby, béisbol…), olimpíadas tradicionais e xogos, ademais de piscina e obradoiros e contacto cunha natureza idílica completaron a axenda do campus dende o martes pasado. Os nenos/as tamén o pasaron en grande na compañía dos capitáns do CD Burela FS Pescados Rubén, Iago Míguez e Edu, xunto ao director da escola laranxa e preparador físico do equipo de Primeira LNFS, Alfonso Mera. Ademais puideron coñecer tamén máis de preto as normas de xogo co presidente do Comité Galego de Árbitros, Jacinto Artigas, e o colexiado da LNFS, Álvaro Cid Bragado.