Site icon Crónica3.com A Mariña

Armesto: “O PSOE e o BNG opuxéronse a protexer a vivenda habitual dos lucenses”

pleno 28 xulloLugo, 28 de xullo de 2015.- O voceiro do Goberno, Juan Carlos Armesto, asegurou este martes que “é moi difícil atoparlle unha explicación ao voto en contra dos socialistas e nacionalistas á nosa iniciativa que permitía liderar cambios normativos, en consenso cos concellos, na recadación dos ingresos de dereito público municipal, cuxa xestión delegouse na administración provincial”.

Armesto dixo non entender que os grupos da oposición se “opuxeran a protexer a vivenda habitual dos veciños e veciñas da provincia, que é o que garantiríamos con esta iniciativa, ante o impago de tributos municipais que xestiona a Deputación. Este é o socialismo do que presumen os que din chamarse de esquerda: non protexer aos que o necesitan e hoxe en día se atopan en importantes dificultades económicas”.

“Semella que nos adiantamos e os descolocamos. Este era un paso adiante para chegar a un entendemento e continuar a tramitar estas modificacións normativas. É unha iniciativa social coa que garantiamos o cambio normativo para que nin tan sequera se dean notificacións sobre embargo das vivendas habituais ao non facer fronte ás débedas de tributos municipais e para que se fraccionen os pagos e se amplíen os prazos ante o cal están exentos os obrigados tributarios de achegar garantías nas solicitudes de aprazamento ou fraccionamento de pago”, matizou Armesto.

O voceiro deixou claro que son os socialistas e os nacionalistas os que impiden sacar adiante esta modificación. “É o Partido Popular o que está ao lado da xente, os socialistas e nacionalistas están só ao pé dos seus intereses políticos”, manifestou Armesto, ao tempo que quixo agradecer e resaltar o traballo dos funcionarios do servizos de Recadación da institución provincial.

Acordo da iniciativa presentada polo equipo de goberno e á que o PSOE e BNG votaron en contra:

ACORDO

1.- Instar á Deputación Provincial de Lugo a ampliar os prazos de pago e, tamén o límite ate o cal están exentos os obrigados tributarios de achegar garantías nas solicitudes de aprazamento ou fraccionamento de pago.

2.- Instar á Deputación Provincial de Lugo a actualizar os importes que operan na formulación das propostas de declaración de fallidos e de créditos incobrables, conxugando o principio de legalidade procedemental coa eficacia administrativa,

3.- Instar a Deputación Provincial de Lugo para que, en colaboración cos concellos, modifique a ordenanza de tal xeito que, comprobado que non existen outros bens o medios de pago da débeda tributaria no procedemento de recadación executiva,  non se proceda a execución do embargo da vivenda habitual como último recurso na recadación. 

4.- Instar á Deputación Provincial de Lugo a actualizar a ordenanza en todo aquelo que afecte á utilización do euro nos importes que nela figuren.

Defensa dos traballadores da Deputación
A presidenta da Deputación de Lugo asegurou este martes que se elaborará un informe “coa maior rigorosidade”, para esclarecer a situación dada entorno aos traballadores de cursos de atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio, impartidos ao abeiro do Pacto Provincial polo Emprego.

Os populares presentaron unha moción para que se investigaran as circunstancias que motivaron que os monitores trasladaran queixas sobre cargos indebidos nas súas contas e pago incorrecto das súas nóminas e, todo parece indicar que, a presentación destas denuncias desembocaron en varios despedimentos.

A presidenta da Deputación dixo que dende a institución “velarase sempre polos traballadores desta casa”, polo que agradece a unanimidade adoptada nesta iniciativa para a súa posta en marcha.

Exit mobile version