Site icon Crónica3.com A Mariña

As Catedrais xa loce a bandeira azul que lle concedeu un ano máis Adeac

IMG_7775Ribadeo, 1 de xullo de 2015.- As Catedrais xa loce a bandeira azul que lle concedeu un ano máis Adeac, ao igual que á praia de Illas-Castros. O acto central desenvolveuse en Augas Santas. Alí estiveron o alcalde, Fernando Suárez, as concelleiras de Praias e Turismo, Paz Ermida e Ana Martínez, o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, o presidente do Real Club Náutico de Ribadeo, Ramón Acuña, veciños, socorristas e informadoras turísticas. Suárez Barcia destacou a importancia que ten para Ribadeo a praia das Catedrais que segue a recibir recoñecementos de portais de internet que contan con milleiros de usuarios en todo o mundo.

O rexedor dixo: “chámanos a atención ver tantos medios de comunicación para un izado dunha bandeira azul, que levamos varios anos facendo, pero isto tamén quere dicir que As Catedrais é un reclamo a nivel internacional, que é unha honra para nós en Ribadeo, na Mariña, en Galicia e no Estado que se coñeza para ben esta praia. Ata hai 20 anos só catro persoas o sabían e agora xente de todo o mundo quere vir a Galicia expresamente ver As Catedrais, unha vez que pisan terra en Lavacolla, en Alvedro ou en Ranón o primeiro que queren facer é vir a unha praia que alguén lles contou que era unha marabilla”.

Suárez Barcia manifestou que “con esa intención nosoutros levamos anos dicindo que isto había que regulalo e hai que facelo dalgunha maneira, porque non podemos matar a galiña dos ovos de ouro, pero agora parece ser que isto é como cando un vai ao médico porque lle doe moito un brazo e despois de pedir vez durante seis meses cando lla dan lle din que a solución é a amputación sen máis. E nós pensamos que a solución non é a amputación, é facer as cousas con sentidiño, facer as cousas de maneira progresiva e dirixirse ao mundo nun código que se entenda. En ningún lugar do mundo civilizado se actúa, onde hai miles de persoas, con autorizacións administrativas como si se fose entrar na pirámide de Giset, nas Covas do Rei Centolo ou nas de Altamira. Onde entran miles de persoas, non se lle poden poñer portas ao campo, non se pode vir cunha autorización administrativa que agora o que está a provocar é un desacougo enorme en todo o sector servizos de Ribadeo, onde a xente non ten nin idea por moita publicidade que se pague nos medios de comunicación por parte da Xunta e onde si a xente de aquí non ten nin idea, non vos quero dicir a xente do resto mundo”. O rexedor subliñou que “isto é o lugar máis internacional de Galicia, incluso máis que a Catedral de Santiago. Convídovos a que vos poñades durante 15 minutos nas escaleiras, poñades o ouvido e escoitedes a centos de linguas diversas. É moi complicado dicirlle a esa xente que ten que ir a ascatedrais.xunta.es, moitos deles non saben como se escribe Xunta, a xente maior non sabe baixar a aplicación aos dispositivos móbiles, e despois repartir entradas nas tabernas de ultramarinos, nos locais comerciais e nos hoteis é algo que non funciona en ningún lugar do mundo civilizado”.

Suárez Barcia lembrou que “pedimos que houbese rigor e a posta en marcha progresiva e paulatinamente destas medidas, que sí que tenden a regular, que queremos que se regule, pero pouco sentido ten regular o acceso a un areal cando a area non é o que máis se estraga e se da cancha libre para que centos, miles de persoas, anden polos cantís. É unha cousa que non ten moito xeito”.

O alcalde de Ribadeo tamén se referiu ás liñas de autobuses “que hoxe a Xunta di que están inaugurando, empezámolas nós hai seis anos e seguimos nós con elas con autorización autonómica, pero implementadas por nós. As informacións turísticas nós levamos seis ou sete anos con elas desde o Concello. Queremos que a Xunta, que a Deputación e que o Estado nos axuden, claro que si, pero non queremos que nos fagan como as películas americanas que veñen os federais e que nos manden apartar, porque nosoutros sí sabemos do local, porque a xente nos conferiu esa responsabilidade e porque nosoutros sabemos xestionar o que hai aquí, téñennos que axudar, teñen que poñer un apeadeiro a 300 metros e non habilitar o que está en Barreiros a dous quilómetros porque iso non serve para nada. Esas son medidas para a galería, medidas para satisfacer titulares de prensa, pero que na práctica non darán lugar a nada”.

Sobre o primeiro día de implantación do plan de conservación da Xunta sinalou que “hoxe é o primeiro día dese plan, non hai moita xente. Quérovos emprazar a que dentro de 20 días veñades aquí e a ver cando os funcionarios da Xunta fan cousas tan pintorescas como que a un gaiteiro, vestido co traxe nacional galego, non lle deixan tocar os compases da gaita na area e sen embargo a xente pode andar a centos polos cantís. É un absurdo. Non queremos dar unha imaxe mala ao mundo, queremos dar a mellor imaxe ao mundo. Esta praia ten recoñecementos que poucos areais no mundo teñen: bandeira azul, Q de calidade turística, ISO 14001… seguimos traballando niso con información turística, habilitando o aluguer dos prados para favorecer que esta masa de persoas e turismos teñan un lugar onde estar, pero fan falla feitos e non palabras e desde logo o que non pode ser é que anuncien medidas de carácter drástico a quince días do inicio da tempada alta, onde por fin Ribadeo ten un lugar no mundo, Ribadeo é recoñecido en portais de internet seguidos por millóns de persoas e por fin estamos a competir cunha luceciña no universo do turismo, que non se apaga e que cada vez vai a máis. E non queremos que nos aparten para diluírnos nunha entelequia máis xeral. Ribadeo existe”.

A preguntas dos xornalistas Fernando Suárez Barcia indicou que “no Concello a parte de estar a facer o que estivemos a facer en información turística, limpeza, servizos, habilitación de aparcamentos e dun carreiro que unise eses aparcamentos co areal… isto pedímosllo ao Estado hai uns meses e non fixeron nada e volvémolo a facer nosoutros coa autorización verbal dos paisanos que nos prestaron os seus prados. Este ano comezaremos a traballar de forma inmediata na elaboración do plan especial das Catedrais, cun ámbito superior ao que a Xunta estableceu para este monumento natural (o restaurante, as escaleiras os arcos e pouquiño máis, porque logo todo o monumento natural é auga, son 20 hectáreas de auga e 9 de terra). Nós temos un plan, aprobado no PXOM, que contempla 54 hectáreas e aí queremos que se regulen aparcamentos, accesos. Queremos que todo este fluxo de xente veña, admire o monumento natural, o conserve e non o estrague e que logo se quede en Ribadeo, non queremos que se vaia de aquí”. E engadiu: “e por iso queremos habilitar un aparcamento público de pago, non para que a economía do Concello mellore, queremos que ese diñeiro se devolva despois no comercio local, que si alguén ven aquí ás Catedrais e lle cobramos unha cantidade, é dicir si vostede hoxe que viu a praia volve para Ribadeo comer, durmir ou mercar devolveranlle ese importe. E iso é o que queremos facer, e iso é o que algúns non teñen nin a idea nin as ganas de dárnolo, pero supoño que David lle gañou a Goliat na biblia e nalgún sitio máis tamén”.

Fernando Suárez aposta “pola colaboración sempre, imposición nunca. Nosoutros sempre que nos convidan vamos, pero sempre nos chaman como convidados de pedra. Convídannos a que presentan un plan, chegamos alí e nos enteramos á par que os medios de comunicación, facemos 25 folios de alegacións e despáchanse tres ou catro meses despois cunha folla. Nós somos iguais, Xunta e Concello, e debemos traballar de igual a igual. Ofrecemos a colaboración leal, dixémoslles non implantedes este sistema o 1 de xullo porque vai ser un desastre, non o fagades por favor, dixeron que non, que se fai así porque sí. Nós somos máis de diálogo que de imposición. A nosa man está tendida”.

O alcalde de Ribadeo rematou a súa intervención: “e logo vemos cousas, o que nós dicimos o reprochan sistematicamente, pero logo despois intentan corrixir todo o que nós dicimos. Dicimos qué vai pasar cos hoteis e cos restaurante e agora din que van ter unha aplicación, non sabemos si funcionará ou non, dicimos qué vai pasar cos persoas que só coman en Ribadeo e din que vaian en transporte público, que favorecemos nós, dígoo porque agora llo ides dar a outra empresa estatal que antes aquí non viña, e logo din pois que siga a empresa local. Preguntamos qué vai pasar cos informadores turísticos, o ano pasado non tiñan ningún tipo de formación e este ano parece que a van ter. É dicir non nos fan caso de entrada, pero logo miden moito o que nós dicimos”.

Suárez Barcia considera que “algo se vai avanzando, pero non se trata de andar á gresca, trátase de ter diálogo e colaboración leais e iso é o que nós ofrecemos, pero imposicións e que aplaudamos medidas que son absurdas non”.

Exit mobile version