Site icon Crónica3.com A Mariña

As forzas de seguridade intensificarán as labores de vixilancia durante o verán nos municipios de Viveiro e Cervo

xuntaseg-viveiroLugo, 1 de xullo de 2015.- O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, copresidiron este mércores a reunión da xunta local de seguridade do municipio, na que se abordou o dispositivo que se disporá durante a vindeira celebración do Resurrection Fest, do 15 ao 19 deste mes.

Así, na xuntanza deuse conta do servizo de seguridade co que contará a propia organización do festival no recinto de Lavandeiras e comprometeuse que, como en anos anteriores, este servizo será reforzado polos efectivos de Policía Local, coa colaboración de Policía Nacional e Protección civil, para garantir que todo transcurra sen incidentes. Os axentes dos distintos corpos policiais intensificarán as labores de vixilancia para velar polo mantemento da orde pública e previr a comisión de posibles feitos delictivos na localidade. Este operativo manterase durante o verán, cando a Cidade do Landro ve multiplicada a súa poboación habitual, prestando especial atención aos areais e a outros eventos festivos multitudinarios, como é a romaría do Naseiro.

SITUACIÓN DELINCUENCIAL
A xunta local de seguridade analizou tamén a situación delincuencial en Viveiro no que vai de ano destacando que, segundo os datos oficiais, os delitos descenderon lixeiramente no municipio con respecto ao mesmo período do ano pasado. Nesta tendencia á baixa da delincuencia salienta o descenso dos delitos de roubos con forza, que se reduciron case á metade neste período. Soben, pola contra, os delitos contra as persoas, cun aumento das denuncias por lesións, como tamén se viron incrementadas as denuncias por casos de violencia de xénero.

Neste senso, o subdelegado aproveitou para facer un chamamento sobre a necesidade de animar ás mulleres que sofren malos tratos a presentar denuncia, pero tamén a todos aqueles familiares ou amigos que sexan coñecedores de feitos deste tipo para que o poñan en coñecemento das forzas de seguridade: “Non é só unha obriga legal, senón tamén un deber solidario e humano que temos para axudar a esas mulleres. Porque este é o único xeito de que se poidan activar os mecanismos de prevención e protección. Non podemos ser cómplices dos maltratadores co noso silencio”.

No encontro valorouse ademais o alto grao de eficacia acadado na resolución dos delitos en Viveiro, ao esclarecerse preto do 80% dos denunciados no que vai de ano. Os membros da xunta local recoñeceron o traballo “serio e constante” dos corpos policiais con competencias no municipio e lembraron algunhas actuacións da Policía Nacional como a recente detención de catro persoas por un roubo nun viveiro de Galdo e outros feitos similares, ou a rápida identificación, localización e detención de dous homes para toma de declaración por un delito de maltrato animal rexistrado a semana pasada na localidade.

XUNTA LOCAL EN CERVO
O subdelegado do Goberno estivo tamén este mércores en Cervo onde copresidiu, xunto ao alcalde do municipio, Alfonso Villares, a xunta local de seguridade. Na xuntanza abordáronse os dispositivos que os corpos policiais porán en marcha para reforzar a seguridade durante os meses de verán, especialmente durante a celebración de eventos festivos como as festas do Carme ou a Maruxaina.

O Concello, atendendo á súa competencia, irá deseñando os distintos dispositivos de seguridade da Policía Local, nos que contarán coa colaboración da Garda Civil, para evitar incidentes no transcurso dos festexos e nos momentos de maior aglomeración de xente.

No tocante á delincuencia, e atendendo aos datos correspondentes aos cinco primeiros meses deste ano, aprézase que se mantén nos mesmos niveis do ano pasado. Na xuntanza recoñeceuse unha lixeira suba dos delitos contra o patrimonio, mentras que baixan as faltas de furtos e os delitos contra as persoas. De feito, de xaneiro a maio non se denunciou ningún delito deste último tipo en Cervo.

COLECTIVOS VULNERABLES
O subdelegado do Goberno informou tamén nas xuntanzas de Viveiro e Cervo sobre o traballo realizado polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado con algúns dos colectivos máis vulnerables, como é o caso dos maiores e os nenos. Neste sentido, Ramón Carballo referiuse ao Plan Maior de Seguridade posto en marcha a nivel nacional polo Ministerio do Interior para previr e mellorar a seguridade das persoas de máis idade. Entre as medidas impulsadas no marco deste plan salientan as charlas informativas impartidas por efectivos dos corpos policiais, nas que se informa aos maiores sobre os riscos que constitúen unha maior ameaza para a súa seguridade.

Do mesmo xeito, referiuse ao Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar nos centros educativos posto en marcha a finais de 2013 con ánimo de formar e informar á comunidade educativa, mediante charlas e exhibicións nos propios centros, sobre temas como o acoso escolar, o consumo de drogas e alcohol, a violencia de xénero ou os riscos no uso inaxeitado de internet e as redes sociais.

Ao longo do curso pasado 2014-2015, os axentes impartiron 41 charlas en centros educativos de Viveiro e 4 en Cervo. No mesmo período, beneficiáronse do plan 127 centros e máis de 15.000 alumnos en toda a provincia.

Exit mobile version