Con esta renovación Bea Mateos cumprirá a súa terceira tempada no club mariñano, tempada na que espera “regresar á miña mellor versión xa que entre os altibaixos do equipo e a miña lesión non puiden ofrecer o rendemento do meu primeiro ano en Burela”. Respecto á tempada finalizada comentou que “foi moi difícil porque non mostramos a regularidade necesaria. En Liga despedímonos moi pronto das opcións reais polo título e a traxectoria era descendente aínda que na recta final logramos endereitar o rumbo para clasificarnos para a Copa e disputar unha final na que demos a cara”. O subcampionato da Copa de España “deixounos mellores sensacións aínda que non podemos dicir que estabamos contentas”. Na nova tempada Bea Mateos está convencida de que “teremos un equipo competitivo. O Burela Pescados Rubén sempre mostrou esa filosofía e volveremos competir polos títulos. A nosa ilusión en darlle á afección moitas alegrías, meréceno de sobra”.
O presidente do club, Manuel Blanco, celebrou a continuidade de Bea Mateos xa que “é unha xogadora de calidade contrastada e que achega moitas cousas ao equipo. O interese para chegar a un acordo de renovación era mutuo polo que foi sinxelo formalizalo. Desexamos que Bea Mateos siga contribuíndo co seu esforzo e compromiso aos obxectivos do equipo”.