Site icon Crónica3.com A Mariña

Candia anuncia a rebaixa de varios impostos municipais en Mondoñedo

Mondoñedo, 30 de xullo de 2015.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, deu conta dos asuntos que o equipo de goberno leva ao pleno ordinario que se celebrará este venres, no que se aprobará a rebaixa de varios impostos municipais “unha das principais demandas dos veciños, que de xeito constante nos trasladan as súas queixas polas taxas altas que se ven obrigados a asumir”.

En concreto, o Concello de Mondoñedo modificará a taxa que pagan os veciños pola expedición de documentos públicos, é dicir, por tramitacións que os mindonienses acoden a facer á administración local, tal é o caso das compulsas. Candia explica que se reducirá o importe desta taxa e pasarase do cobro de 2,5 euros a un só euro por tramitación.

A alcaldesa adianta tamén que o novo goberno eliminará o pago que afrontaban ata agora as entidades sen ánimo de lucro pola utilización das instalacións deportivas. Candia lembra que “dende a oposición fomos moi críticos con esta taxa imposta ás entidades, cando co seu traballo estaban a levar a cabo a principal programación cultural da cidade”. Polo tanto, aquelas entidades sen ánimo de lucro e que desenvolvan actividades de interese para a localidade estarán exentas de pagar a taxa polo uso das instalacións deportivas municipais.

A maiores, a alcaldesa de Mondoñedo engade que no pleno ordinario deste venres se cursará unha demanda dos establecementos comerciais dirixida a regular a venda ambulante, ademais de incluír ao Concello na Rede de Dinamización Lingüística que aportará a custe cero actividades culturais no municipio.

Creación de Comisión de Participación Cidadá
Elena Candia tamén informou de que na sesión deste venres se fará realidade outro dos compromisos dos populares, o da creación dunha comisión de participación cidadá, co obxecto de que “os veciños participen de xeito directo nas decisións que o Concello está obrigado a tomar no día a día”.

Por último, a alcaldesa engadiu que se está ante un pleno ordinario no que se aprobarán acordos que afectarán de xeito directo aos mindonienses. “Imos marcando os primeiros compromisos despois do pouco tempo que levamos no goberno dende os pasados comicios electorais”.

Exit mobile version