Candia insistiu na importancia de abordar novas vías de colaboración con esta entidade social sen ánimo de lucro, para xuntos dar novos pasos adiante no camiño de mellorar o benestar das persoas con discapacidade da provincia, traballar pola súa integración plena na sociedade e pola igualdade efectiva de oportunidades.
A presidenta provincial puxo en valor o traballo desenvolvido por COGAMI unha entidade que vén de celebrar o seu 25 aniversario, e cuxa traxectoria está avalada por vivencias, experiencias e moito traballo e iniciativas polos dereitos das persoas con capacidades diferentes e por unha sociedade máis inclusiva.
Candia e os responsables de COGAMI repasaron distintos proxectos como o programa de mellora da mobilidade rural, posta en valor dos centros socioculturais da provincia de Lugo, os programas de apoios ás entidades culturais e distintas iniciativas de rehabilitación, promoción da autonomía persoal e atención á discapacidade.
APOIOS DA DEPUTACIÓN
No que levamos de 2015 a Deputación achegou 27.000 euros, a través da área de Benestar, para impulsar diversos proxectos promovidos por COGAMI como son o obradoiro prelaboral para persoas discapacitadas e a subvención para contratación da traballadora social encargada do proxecto de dinamización asociativa.