Site icon Crónica3.com A Mariña

Candia: “queremos traballar de xeito coordinado coa Xunta, colaborando con lealdade, para resolver os problemas dos lucenses”

Lugo, 20 de xullo de 2015.- A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, mantivo na tarde deste luns un encontro co titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, no que abordaron diversos asuntos de interese prioritario para a provincia lucense. Trátase do primeiro encontro institucional que ten lugar entre ambos mandatarios tras a elección de Candia á fronte do Executivo provincial.

No decurso da xuntanza, a titular da Deputación trasladoulle ao presidente do Goberno galego as liñas estratéxicas e prioridades do Goberno provincial para esta lexislatura, orientadas en dar prioridade aos servizos sociais e o sistema de benestar, potenciar o turismo, facer un mellor aproveitamento das novas tecnoloxías, apoiar ao sector lácteo neste momento difícil e manter as políticas de discriminación positiva cara a provincia.

Prioridade benestar
Candia manifestou o seu interese de traballar de xeito coordinado na planificación das infraestruturas sociais e tamén a vontade e dispoñibilidade en participar en proxectos que busquen paliar a desigualdade dos veciños e veciñas da nosa provincia.

Trasladoulle a difícil situación do sector primario, de importancia estratéxica nesta provincia, polos postos de traballo que xera e o volume de facturación que supón. O lácteo vive momentos complicados e na provincia de Lugo sabémolo ben,.

Como proposta de futuro abordaron o potencial turístico da provincia, e nomeadamente os camiños de Santiago. Acordaron traballar coa Xunta para poñelos en valor, en especial tras a súa declaración como patrimonio da humanidade. Sen esquecer a necesidade de sumar esforzos para acadar este mesmo recoñecemento para a Ribeira Sacra.

Xunta de Deputación renovaron a súa aposta pola tecnoloxía, como formula de colaboración entre administracións para facilitar xestións e que os veciños vexan nos medios tecnolóxicos un mecanismo para resolver problemas e facilitar os trámites, sobre todo nunha provincia cunha poboación tan dispersa.

E finalmente, Candia pediulle que as políticas de discriminación positiva continúen beneficiando á provincia con medidas ten eficaces como o plan impulsa, mellora nos prezos de solo industrial, prioridade no acceso a axudas.
Cordialidade e recuperar pontes de colaboración leal
“A xuntanza co presidente tivo un ton moi cordial. Moi positivo”. Desterrando todo intento de xerar falsos enfrontamentos, como acontecía con anterioridade. Estamos obrigados a entendernos polo ben dos lucenses. Nunca empregarei a Deputación de Lugo como outros fixeron, como arma política para xerar tensión”- indicou Candia.
A presidenta da Deputación expresou a confianza en que sexa posible recuperar pontes de colaboración e entendemento entre ambas administracións para impulsar múltiples asuntos de gran transcendencia para Lugo e Galicia.

Candia agradeceu a receptividade de Feijóo en todas e cada unha das cuestións propostas e salientou o novo período “de relación cordial e lealdade mutua” que se abre entre Xunta e a Deputación , baixo o convencemento de que esta nova actitude de diálogo, con toda seguridade, materializarase en feitos concretos que redundarán en beneficio dos lucenses, e que avaliarán en futuras xuntanzas, neste caso en Lugo, onde convidou ao presidente do Goberno galego.

Exit mobile version