Site icon Crónica3.com A Mariña

De mariñeiros, veráns e orquestras

Dos veráns sempre nos queda un eco de festas de aldea ou vila con orquestras que cantaban as cancións que acompañaron aos nosos primeiros bicos. As clases, como os contratos dos futbolistas, terminaban en xuño, pero había que recuperar os suspensos e iamos a clases particulares. E daquela todo o que había por diante era un Cantabrico cunha gran praia ou días descubrindo a nosa xeografia máis preta.

O verán era o tempo dos pescadores e de acudir a primeira hora da mañá ao porto para ver chegar as falúas que entón arribaban á costa cargadas de peixes. Co paso dos anos, esa imaxe sinxela da vida diaria acompañoume a todas partes. Non era nada fácil a vida daqueles pescadores, pero cando a recordamos no medio do bullicio ou desas guerras cotiás que tantas veces esnaquizan o ser, só recreamos a sensación de chegar á costa co traballo realizado e tendo todo o día por diante.

Un quixese saír á mar e comezar de novo cada día, sen acumular nada, sen facer plans e sen saber que regalará o noso mar cando recollas as nasas ou os trasmallos que acariñan as augas. Cando era pícaro só desexaba embarcarme con aqueles pescadores que coñecían os fondos da Centoleira, de Orxal, da Testa do Ferro………
Non era sempre un mar amigo o Cantabrico no norte galego. Foron moitas as veces que estiveron a piques de zozobrar entre grandes olas ou correntes desapiadadas. Aqueles homes estaban curtidos en mil batallas, e un non sabía que ao paso de moitos anos serían un espello no que acabaría mirándome moitas mañás. A vida, aínda que resulte tópica a metáfora, aseméllase moito a aquela odisea diaria dos pescadores da miña infancia. O que sucede é que nós case nunca nos quedamos co bo das cousas, con esa sensación de gañar un novo día cando chegamos á cama e logramos sortear os nosos temporais diarios. Quizá nos falta o escenario, un ronsel de gaivotas seguindo os nosos pasos, un mar azul en calma e uns gatos esperando na costa a que tiremos dúas ou tres sardiñas para levantar o rabo e maullar coma se atopasen o maior dos tesouros entre os coios .

As mañás de Agosto eu levantábame cando rompía o alba para mirar ao horizonte buscando aquelas barquiñas que case sempre levaban escrito un nome de muller que acababan despintando as augas. Co tempo, esas mesmas augas tamén acaban despintando moitos dos nosos recordos. Pero cando chega o verán comeza a soar novamente a música de orquestra entre as bandeiras de cores que alguén colgou no campo da festa. E saboreas o recordo inesquecible do primeiro bico e case che moves ao compás daquel baile que tocaba “Variedades” e cantaba “O Carolino” no que por vez primeira abrazábaste a alguén na madrugada.

Exit mobile version