Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputados do PSOE esixen a Candia que cumpra co acordo plenario en defensa do sector lácteo

Deputados-PSOE-Sector-LácteoSantiago de Compostela, 17 de xullo de 2015.- Darío Campos Conde, Álvaro Santos Ramos, Pilar García Porto, Pablo Rivera Capón, Sonsoles López Izquierdo e Lino Rodríguez Ónega, Deputados Provinciais do Grupo Provincial Socialista na Deputación de Lugo, participan este venres na manifestación en defensa dos produtores de leite. “Participamos nesta protesta en Santiago de Compostela, organizada pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, en apoio aos gandeiros da nosa provincia, que están a atravesar unha situación insostible froito do abandono por parte das principais administracións con competencias na materia, Goberno Central e Xunta de Galicia”, explicou o vicevoceiro do PSOE Santos Ramos.

“Necesitamos que os Gobernos de Rajoy e Feijóo actúen con contundencia e celeridade para romper con esta dinámica, na que as 15.000 explotacións de leite que están en activo en Lugo non só están deixando de ganar beneficios, senón que están abocadas a súa desaparición. Isto será un drama para unha provincia coma a nosa que vive do rural, pois o lácteo é un sector estratéxico para o desenvolvemento económico de Lugo, que xera uns 25.000 emprego mediante a produción de máis dun millón de toneladas de leite ao ano, que representan preto da metade do leite galego”, subliñou o Santos Ramos.

“Esperamos ver a Elena Candia na manifestación en Santiago, exercendo de Presidenta da Deputación de Lugo e defendendo os intereses dos gandeiros da nosa provincia. Esixímoslle que diga alto e claro se vai a cumprir co acordo unánime do Pleno Provincial, no que aprobamos medidas concretas en defensa do sector lácteo”, engadiu o socialista.

Proposta do PSOE aprobada polo Pleno
Santos Ramos fixo referencia, deste xeito, á proposta que o PSOE levou ao Pleno Provincial do pasado mes de abril e que acadou o apoio de todos os grupos políticos con representación na Corporación Provincial (PSOE, PP e BNG). Con esta iniciativa, a Deputación de Lugo comprometeuse a instar ao Goberno de España a modificar o Real Decreto 125/2015, do 27 de febreiro, polo que se modifica o Real Decreto 1363/2012, do 28 de setembro, que regula o recoñecemento das organizacións de produtores de leite e das organizacións interprofesionais no sector lácteo e se establecen as súas condicións de contratación, para que:

• Se introduza a figura do mediador, e fortes sancións para que a industria non fixe os prezos de xeito unilateral, nin impoña contratos á baixa.
• Incorpore como referencia o volume obxecto do contrato, o leite producido nos últimos doce meses anteriores ao contrato, garantindo a recollida e prohibindo o dobre prezo para este volume.
• Se elabore un Plan de Inspeccións claro e con seguimento periódico:
– Nas superficies comerciais, para vixiar o cumprimento da lei da cadea alimentaria.
– De control das importacións.
– De cumprimento do Real Decreto 125/2015.

• Elaborar un programa de crédito que axude aos produtores de leite a adaptarse ao mercado sen cotas e establecer un seguro de rendas subvencionado para afrontar a situación de vulnerabilidade en que se encontran co fin do sistema de cotas.
• Establecer un foro permanente de representación dos produtores, a industria, a distribución e os consumidores do sector lácteo liderado polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.
• Definir e regular un sistema de trazabilidade do leite e dos produtos derivados do sector lácteo en España que permita asegurar o seguimento dende o produtor ata o consumidor.
• Mellorar a etiquetaxe para que permita ao consumidor valorar a procedencia do leite.

Exit mobile version