Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputados e senadores lucenses do PP afirman que o Goberno segue cumprindo coa Mariña tras o anuncio do inicio da redacción do proxecto da A-82

Madrid, 30 de xullo de 2015.- Os deputados e senadores lucenses do PP están moi satisfeitos co anuncio feito este xoves polo Ministerio de Fomento de que se inician os traballos de redacción do proxecto de Trazado e Construción do tramo Barreiros-Foz da Autovia A-82.

Trátase do primeiro tramo da autovía A-82: Barreiros-San Cibrao, que era unha vella reivindicación dos alcaldes da zona da Mariña para poder desconxestionar o tráfico da N-642, que atravesa importantes municipios costeiros e que en tempadas como o verán soporta afluencias de vehículos moi importantes (uns 15.000 de media ao día).

O deputado popular mariñano Jaime de Olano recordou esta mañá que tras a posta en marcha da A-8 cun investimento superior aos 100 millóns e unha vez pagadas as expropiacións desta infraestrutura, que era unha prioridade e unha obriga para o Goberno, o Ministerio cumpre coa súa promesa de seguir mellorando as comunicacións na Mariña con este corredor, que permitirá axilizar as comunicacións entre os núcleos costeiros de Barreiros, Foz, Burela e Cervo, así como cos núcleos de poboación interiores da Mariña a través dos enlaces proxectados coas principais estradas de titularidade autonómica e local e principais centros de actividade, como o Centro Hospitalario de Burela e o Porto de Interese Xeral de San Cibrao.

De Olano subliña que a diferenza do que aconteceu durante os gobernos da etapa socialista, que incluían partidas nos presupostos para a A-82 co fin de poder “vendelas pero logo non deron un só paso, o Goberno do PP cumpre a súa palabra e xa iniciou a redacción do proxecto desta vía.

Con este anuncio do ministerio de Fomento, o Goberno continúa na liña de cumprir os compromisos coa Mariña, xa que xunto á posta en marcha da A-8 e o pagamento das expropiacións continuouse traballando na mellora do firme e a conservación da N-642 e faise realidade a A-82.

Os deputados e senadores, os alcaldes e voceiros do PP de Lugo na Mariña agradecen ao departamento que dirixe Ana Pastor que pasase das promesas ás que nos teñen afeitos os socialistas aos feitos e realidades no seu compromiso coa bisbarra e esperan que este compromiso coa A-82 se vexa referendado nos PGE dos próximos anos de forma que, no menor tempo posible, A Mariña estea conectada de leste a oeste por unha vía de altas prestacións e capacidade.

Exit mobile version