Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez pedíulle á Subdelegación do Goberno que extreme a vixilancia para evitar que se produzan incendios forestais en Ove

Ribadeo, 7 de xullo de 2015.- O alcalde, Fernando Suárez, pedíulle ao subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, que se extreme a vixilancia para evitar que se produzan incendios forestais en Ove e algúns sobresaltos que se deron en Ribadeo nas últimas semanas. Foi no transcurso da Xunta Local de Seguridade que se celebrou este martes no Concello.

O rexedor contou que “nesta xunta local de seguridade ordinaria véñense tratando os temas que máis preocupan, que son os derivados dos roubos e de outras circunstancias sobre as que, aínda que sempre desde a Subdelegación do Goberno se indica que estamos en taxas por baixo da media galega e da estatal, o certo é para nós calquera roubo é un sobresalto. E aínda que esteamos por debaixo desas medias non estamos afeitos a que teñamos sobresaltos, ultimamente bastante continuos”.

Suárez Barcia explicou que “o que lle pedimos é que extremen a vixilancia na medida das posibilidades e logo hai algún aspecto que me gustou recalcar con respecto a algúns perfiles de xente que moitas veces están na rúa sen nada que facer e pasan as horas e os días roldando por diante de determinados establecementos e isto non nos gusta. Polo tanto pedímoslles que intensifiquen ese control”.

O alcalde tamén insistiu nun aspecto “que nos preocupa moito, que é no tema dos incendios forestais nun parte moi concreta de Ribadeo, na estrada Nacional 640, que vai de Ribadeo á Veiga pasando pola parroquia de Ove, onde hai unha serie de conatos de incendios que afortunadamente nunca van a máis porque as actuacións dos medios de extinción sempre son moi rápidas, pero pedímoslles que intensifiquen tamén aí a vixilancia. En ambas as dúas cousas dixéronnos que están detrás dunhas pistas e esperemos que poidan frutificar dentro de pouco”.

Exit mobile version