Site icon Crónica3.com A Mariña

Fomento resposta a Rosana Pérez que aínda convocou o concurso para solucións anti néboa na a-8 o 27 de xuño

Madrid, 23 de xullo de 2015.- O Ministerio de Fomento vén de respostar á deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, que aínda convocou o concurso para solucións anti néboa para a A-8 hai menos dun mes, o pasado 27 de xuño.

Deste xeito, sinala a deputada do BNG fica “en evidencia que se deixou pasar todo o outono e o inverno até chegar ás datas nas que esa zona da A-8, entre Mondoñedo e Abadín, acostuma encherse de néboa”. Lembra a deputada do BNG, que “levamos pedindo solucións técnicas e non paneis, desde o terríbel accidente sucedido en xullo do ano pasado no Alto do Fiouco”. Recorda que o BNG trouxo en setembro do ano pasado unha proposición ao Congreso na que se pedía precisamente a adopción de medidas técnicas con carácter urxente para evitar chegar á primavera e verano coa mesma situación de continuos cortes na A-8. “Máis o PP rexeitouna alegando que xa o Ministerio estaba a traballar no tema”.

Os anuncios de Fomento “sempre perto das eleccións”
Rosana Pérez critica que Fomento se limitase este inverno a instalar carteis de sinalización “de alta reflectancia e 50 novas sinais verticais para a limitación da velocidade a 80 km; instalou 8 novas sinais verticais de vento, 2 novos paneis de mensaxe variábel, dous novos tramos de fibra óptica con instalación de 3 novas estacións meteorolóxicas na zona, e 5 novas cámaras de TV; ademáis de balizas”, segundo explica o Ministerio na súa resposta ao BNG.

A deputada do BNG sinala que “Fomento sabía perfeitamente que a solución non estaba nas balizas, nin nos carteis nin nos paneis e nas cámaras de TV, que poden contribuir a reforzar a seguridade pero non aportan visibilidade para conducir por ese tramo da A-8. Desde o ano pasado está claro que as medidas deben ser doutro calado, solucións técnicas máis desenvolvidas tecnolóxicamente. Do contrario, estaremos nas mesmas como leva acontecendo desde o mes de abril: peches da autovía”.

Neste sentido, pón de manifesto que Fomento xa anunciara o concurso de ideas de innovación e desenvolvemento en outubro do ano pasado, “máis aínda o convoca agora, antes das eleccións. Xa sabemos que os anuncios de Fomento sempre se fan perto das elecións”.

Ademáis, a deputada nacionalista reprocha ao Ministerio que non aclare os prazos temporais para rematar o concurso e só explica que consta de dúas fases sucesivas: “a consulta ao mercado que permita coñecer solucións que poidan plantexarse” e o “procedemento de Compra Pública Innovadora”.

Exit mobile version