Site icon Crónica3.com A Mariña

Fomento reúnese con empresas para buscar unha solución innovadora contra a néboa na A-8

Madrid, 23 de xullo de 2015.- O Ministerio de Fomento reuniuse este xoves cun total de 19 empresas do ámbito das infraestruturas e da I+D, 3 universidades e representantes de 5 organizacións relacionadas co sector, no marco da Consulta Preliminar do Mercado, para a busca e implantación dunha solución innovadora contra a néboa densa que se produce no tramo da A-8 entre Mondoñedo e A Xesta (Lugo).

Tras analizar os problemas dos bancos de néboa densa que afectan ao tráfico da A-8, o Ministerio de Economía e Competitividade (MINECO) ilustrou o procedemento identificado como o máis axeitado para a posible contratación da solución tecnolóxica: a Compra Pública Innovadora.

A continuación, explicouse en detalle a fase actual do procedemento, a Consulta Preliminar do Mercado, contando así mesmo coa participación do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) para a exposición do mecanismo de financiamento Innodemanda habilitado nesta fase.

A Consulta Preliminar do Mercado é o primeiro paso no proceso de Compra Pública Innovadora.

Este tipo de procedemento de Consulta Preliminar do Mercado é a primeira vez que se utiliza en España, e se basea no artigo 40 da Directiva 2014/24/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 26 de febreiro de 2014, sobre contratación pública, que posibilita aos poderes adxudicadores a realización de consultas ao mercado antes de iniciar un procedemento de contratación, con vistas a preparar a licitación e informar as empresas acerca dos seus plans e os seus requisitos, conforme aos principios de non discriminación, transparencia e igualdade de trato.

A pesar de que no tramo mencionado da A-8 están instaladas a práctica totalidade das medidas dispoñibles en materia de xestión e explotación de estradas en episodios de meteoroloxía adversa (néboa densa), para garantir a seguridade vial prodúcense cortes cando a visibilidade fai inviable a circulación segura, polo que o Ministerio de Fomento quere buscar solucións innovadoras, non presentes no mercado na actualidade, para minimizar este problema.

As solucións que se formulen nesta Consulta Preliminar do Mercado deberán asegurar que o condutor dispoña da visibilidade axeitada á tipoloxía de vía e o seu grao de desenvolvemento deberá asegurar a eficacia da medida, así como o cumprimento de toda a lexislación aplicable a estradas en servizo e seguridade vial.

Os participantes na Consulta Preliminar do Mercado poderán acollerse ao Programa Innodemanda de Compra Pública Innovadora del Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), que permite o financiamento dos proxectos innovadores.

Exit mobile version