Site icon Crónica3.com A Mariña

“Galicia do norte en acuarelas” poderase ver na Casa de Cultura de Burela

O vindeiro venres, 3 de xullo, ás 20.00 horas na Sala de Arte da Casa da Cultura de Burela terá lugar a inauguración da exposición de acuarelas “Galicia do norte en acuarelas”, do artista pontenovés Antonio Rivas Pol, coa presenza do alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro de Cultura, José Díaz.

Antonio Rivas, dende sempre sentiu a necesidade de expresarse por medio do debuxo e da pintura, área que impartía aos seus alumnos, e na que se especializou por mor dunha maior formación, con cursos oficiais ou coa aportación de expertos en temas que consideraba importantes. Foi así como coñeceu ó acuarelista asturiano, Sellaño; a quen convida ás súas clases de plástica coa finalidade de avezar ao alumnado nesta técnica tan esvaediza.

Aínda que os seus comezos foron óleos, a partir da amizade con este acuarelista foise pasando gradualmente ó mundo da acuarela en exclusividade. Conversas, lecturas, visitas a exposicións e moito papel rachado, son os métodos de traballo de Antonio, pintor autodidacta que atopou na paisaxe un mundo inesgotable de aprendizaxe e inspiración.

A mostra, permanecerá na Sala de Arte da Casa da Cultura de Burela, ata o vindeiro 31 de xullo. O seu horario de visita será de luns a venres de 09.30 a 13.30 ás mañás, e de 19.00 a 21.00 horas ás tardes.

Exit mobile version