Site icon Crónica3.com A Mariña

García Porto: “Segundo encontro de Feijóo e Candia sen resultados para a provincia. Só unha foto. É unha vergoña”

Lugo, 30 de xullo de 2015.- “Segundo encontro de Feijóo e Candia sen ningún resultado para a provincia. Só unha foto. É unha auténtica vergoña”. Así o destacou a Deputada provincial socialista, Pilar García Porto, tras constatar que na nova reunión dos Presidentes de Xunta e Deputación de Lugo “unha vez máis, nin tan sequera se falase das preocupacións dos lucenses. Seguimos sen saber nada de Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear, das prazas en residencias públicas, dos cartos que adebeda o Goberno galego aos lucenses para servizos sociais e políticas activas de emprego…; De novo, Feijóo e Candia demostran que o PP non ten un proxecto para Lugo”.

“Por segunda vez, só se dedicaron a sacárense fotografías. Vai sendo hora de que se poñan a traballar. Elena Candia debería saber que, como Presidenta da Deputación de Lugo, a súa obriga é ofrecer solucións aos lucenses e reclamar novos investimentos para a provincia. Máis aínda, cando mantén un encontro co responsable da principal administración galega, que o único que fixo dende que chegou ao Goberno galego foi discriminar, reiteradamente, aos lucenses”, engadiu García Porto.

“Candia xa é a segunda vez que mantén a boca pechada, non sendo capaz de esixir a Feijóo que cumpra coa provincia de Lugo. De novo, volve coas mans baleiras. De novo, non exerce as súas competencias como Presidenta da Deputación de Lugo. De novo, volve a exercer de Delegada da Xunta en Lugo. De novo, Feijóo e Candia toman o pelo aos lucenses”.

Reclamacións do PSOE
En resposta ás peticións dos veciños, o PSOE na Deputación leva anos reclamando a Feijóo:

1.- Dotación inmediata no Hula dos servizos públicos de Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear. Lugo segue a ser a única provincia galega sen estas prestacións.

2.- Sinatura dos convenios de colaboración entre a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia para cofinanciar os servizos sociais e políticas activas de emprego na provincia. Son os convenios que Feijóo asinou coas restantes Deputacións galegas, achegando máis de 25 millóns de euros ás provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense, e que vetou á de Lugo.

3.- Concertar prazas públicas nas residencias públicas da Deputación de Lugo, que a Xunta leva ano negando mentres si llas concede a centros de iniciativa privada. Dende 1977, a Xunta de Galicia con concerta prazas en residencias públicas da Comarca de Lugo.

4.- Dar resposta ás 49 peticións que os veciños fixeron á Xunta durante a elaboración dos Presupostos Participativos, e que o Goberno progresista de Gómez Besteiro lle trasladou a Feijóo. Estas son, entre outras, e a maiores dos servizos para o Hula, as seguintes: residencias públicas da terceira idade na Comarca de Lugo, en Becerreá e en Mondoñedo; un plan urxente para poñer en valor o antigo Hospital Xeral; plans de impulso do Camiño de Santiago e declaración oficial do Camiño de Inverno e da Costa; impulso do Plan Paradai; posta en marcha das actuacións da Rolda Leste; remate dos Corredores da Costa e de Monforte; medidas en impulso do sector primario e do rural; ou posta en valor do sector forestal…

Exit mobile version