Site icon Crónica3.com A Mariña

Inaugurada no forte ribadense de San Damián unha exposición de fotografías de Xosé Reigosa tomadas no hospital psiquiátrico de Castro de Rei

150715 Foto expo Reigosa2Ribadeo, 15 de xullo de 2015.- O forte ribadense de San Damián acolleu este mércores a inauguración dunha exposición de fotografías de Xosé Reigosa realizadas no hospital psiquiátrico de Castro de Rei. A mostra, titulada Entre Marbella e Torremolinos. Imaxes dun manicomio, pode visitarse ata o 29 deste mes.

Durante o acto inaugural o concelleiro de Cultura en Ribadeo, Farruco Graña, comentou que “as miradas das persoas que estaban sumidas no seu mundo particular e especial sempre foron unha característica da loucura. A mirada de Xosé Reigosa soubo captalas moi ben nesta exposición fotográfica que recolle a vida nun psiquiátrico por todos nós coñecido, porque probablemente pasáramos por alí en máis de unha ocasión camiño de Lugo e nos chamara a atención, primeiro o propio edificio: unha cousa moi singular, alí en Castro de Rei, en plena Terra Cha, e que ademais puideramos contemplar ás moitas persoas que estaban alí internadas facendo vida pola vila cos seus paseos, esa inmensa recta que dá entrada a Castro de Rei, intentando vivir a súa vida”.

Farruco Graña engadiu que o Concello ribadense “segue apostando por un verán cheo de actividades e é para nós unha honra que Xosé Reigosa se lembrara de chegar até aquí a súa obra e dar vida a este forte de San Damián, tan emblemático para a historia de Ribadeo. Eu sigo prendado por esta fotografía que temos aquí, que reflicte tan ben a inestabilidade da vida emocional”.

Pola súa banda Xosé Reigosa explicou que esta obra “foi feita durante o ano 2011. O manicomio levaba 20 anos pechándose, pero ía tirando. En 2011 achégome até alí coa intención de fotografar as pegadas, o que quedase. Pasaba por alí con certa frecuencia e unha vez que vin aquel edificio, con aquela magnitude, quedei abraiado. Pedín permiso para facer o traballo antes de que se pechase, coa condición de que as persoas non se recoñecesen. Estiven traballando durante boa parte do 2011 e cando considerei que tiña unha colección para facer unha exposición fixen un documental de 20 minutos con entrevistas”.

O autor das fotos aclarou que “aínda que se poda pensar que si, non o fixen por criticar nin denunciar nada. Fíxeno por unha cuestión estética; eu non son xornalista, son fotógrafo. Teño o reto de buscar a beleza dentro da fealdade. Que existan estas institucións no século XXI é un pouco anacrónico. Os enfermos mentais sempre foron rexeitados pola sociedade. En certo modo seguimos tendo ese rexeitamento cara a loucura, que trouxo como consecuencia que existiran estas institucións. Así pasaban casos como o de Anselmo López, un señor que cando tiña 20 e poucos anos e estaba nunha festa, meteuse cun Garda Civil e, en lugar de levalo ao cuartelillo, dixeron que estaba tolo e metérono no manicomio. Botou 43 anos nel. Chega un momento no que se institucionaliza. Temos un personaxe coñecido noso, Antón Moreda, que pasou alí longas tempadas e morreu no manicomio. A enfermidade mental, que debería ser tratada como unha máis, non o era. Dicíase que había unha pedra da loucura, logo viñeron os electroshocks e até os anos 80 do século pasado non había unha medicación que puidera tratar estas enfermidades. Que existira un manicomio no século XXI era un pouco consecuencia de todo isto”.

Exit mobile version