“Burela sempre foi a miña primeira opción e alegreime de que o equipo quixera seguir contando comigo” recoñecía Lara. Tras un final de liga un pouco complicado, cunha lesión de nocello latosa que lle impediu gozar dos últimos compromisos, a viveirense amósase con ganas de saltar á pista: “Aproveitarei o verán para poñerme a punto para pretempada; seguirei traballando para mellorar nun equipo que espero que sexa o de sempre, loitando por todo”.
Con Peque, Lara convértese na segunda renovación burelista para a nova campaña. “A pesar da súa xuventude, Lara xa é toda unha veterana no equipo, que representa fielmente a filosofía da entidade; unha xogadora da comarca que medrou con nós, un perfecto reflexo para todas as nenas da Mariña ás que lles gusta o fútbol sala”, valorou así Manuel Blanco a continuidade da 10 laranxa.