Trátase, unha vez máis, de dar resposta a unha demanda histórica dos profesionais do mar, liderada tamén desde a propia Xunta de Galicia, tal e como aconteceu con anterioridade, por exemplo, con iniciativas como a modernización da normativa sobre tripulacións mínimas e o endurecemento do reproche penal do furtivismo reincidente nas que, incomprensiblemente, non contamos co concurso dalgúns partidos da oposición, entre eles o PSOE, aínda que si co aplauso inmensamente maioritario do sector.
Entre as novidades máis destacadas da regulación está a incorporación de traballadores ao Réxime Especial da Seguridade Social do Mar -tanto autónomos como asalariados- que durante anos veñen reivindicando o seu encadramento neste modelo.
Cobran especial relevancia aqueles aspectos relativos ás redeiras, un colectivo profesional que desenvolve a súa actividade, en moitas ocasións, en situacións de dificultade, así como a incorporación dos mergulladores e dos profesionais da acuicultura, e un longo etcétera, colectivos novos que poderán verse beneficiados pola aplicación dos coeficientes redutores da idade de xubilación, entre outras vantaxes.
Segundo informou o Ministerio de Emprego, e dan testemuña os propios colectivos profesionais, coa revisión normativa incorporaranse ao réxime especial de Traballadores do Mar uns 3.000 cidadáns, que verán ademais como, por primeira vez, unha norma con rango legal define aos beneficiarios da protección social específica que leva a cabo o Instituto Social da Mariña (ISM), incorporando estes novos traballadores.
O Partido Popular, formación política que sustenta ao Goberno e que obtivo a maioría absoluta dos votos nas pasadas eleccións autonómicas e xerais, postulaba no seu programa electoral unha ambiciosa liña estratéxica de apoio e impulso ás principais reivindicacións do mar e do marisqueo galego. Dese compromiso, referendado pola cidadanía, seguimos dando conta hoxe, con estas e outras iniciativas dirixidas á mellora das condicións laborais e sociais, á mellora do día a día, dos homes e mulleres do mar: a nosa prioridade.
Jose Manuel Balseiro Orol
Voceiro do Mar do Grupo Popular de Galicia.