Tamén os houbo que viaxaron por Europa adiante. Foron a Suiza, a Francia, a Alemaña e aqueles que decidiron dar un salto aínda máis grande e chegar ata Australia.
Todos, os que triunfaron e os que non puideron facelo, foron uns valentes, de aí que os admire profundamente ao igual que admiro e respecto a todas e cada unha das persoas que, chegadas desde infinidade de países do mundo, escolleron Ribadeo, A Mariña ou Galicia para buscar un futuro mellor, para loitar polos seus soños. Os que se foron hai un século, os que aínda o fan agora de aquí para aló e de aló para aquí teñen un denominador común: unha maleta chea de recordos e de ilusións, unha maleta de ida e volta…
Desde este xornal, e con motivo da celebración do II Ribadeo Indiano, gustaríame renderlles homenaxe a todas esas persoas coas que cada día nos cruzamos pola rúa nesta vila de Ribadeo, porta norte de entrada a Galicia, chegadas dende Brasil, Portugal, Colombia, República Dominicana, Uruguai, Arxentina, Venezuela, Ecuador, Cuba, México, Romanía, Marrocos, Senegal,… e desde outros moitos puntos do mundo. Eles e elas, ao igual que os nosos antepasados, deixaron o que tiñan e quixeron buscar un futuro mellor para as súas familias. Algúns terano máis fácil, a outros seralles máis complicado, pero con esforzo, con dedicación e con entrega seguro que o poderán conseguir. Lembremos sempre que os ribadenses, e o resto dos galegos, tivemos e temos que emigrar e que aló onde cheguemos tamén seremos inmigrantes, tamén seremos estranxeiros, e a todos nos gustará que nos traten con cariño, con familiaridade, como si estivésemos na nosa casa, que nos axuden, que nos respecten e que nos entendan. A miña admiración e respecto a tod@s @s que tiveron e teñen que coller algún día esa maleta de ida e volta, sexa de onde sexa e vaian a onde vaian.
Agora o que toca é gozar tod@s xunt@s co II Ribadeo Indiano!!!
Carmen Cruzado
Xornalista.