Site icon Crónica3.com A Mariña

Mariña Patrimonio solicita inventariar como xacemento arqueolóxico a turbeira de Arealonga, en San Miguel de Reinante

16535256503_a2acbf3052_hBarreiros, 22 de xullo de 2014.- Mariña Patrimonio ven de solicitar ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galiza a inclusión da turbeira de Arealonga, San Miguel de Reinante, Barreiros (Lugo), no inventario de xacementos arqueolóxicos, trala aparición dunha cornamenta de cervo e outros restos óseos da fauna que habitou no lugar hai uns 8000 anos.

Mariña Patrimonio considera necesaria que a Xunta inclúa este lugar como xacemento para que sexa debidamente protexido e se evite calquera acción que poida danar a turbeira e/ou os restos que conserva.

Algúns invernos o mar leva area da praia e deixa ao descuberto a turba que conserva os restos dun antigo bosque que, segundo as probas do carbono catorce, ten unha antigüidade duns 8000 anos. O pasado inverno a superficie que quedou descuberta foi especialmente extensa. A acción do mar sobre a turba provocou o desprendemento de numerosos fragmentos que quedaron depositados na parte alta do areal. Ao longo do inverno estes fragmentos foron disgregándose deixando á vista restos óseos dos animais que habitaron este bosque hai uns 8000 anos. A aparición deste tipo de restos é algo excepcional en Galicia debido á acidez do solo, que impide a súa conservación. A turba, que actúa como conservante, permitiu que estes restos chegasen até nós.

Na primavera comezamos a ver polo areal as rodeiras de pas mecánicas que pisaron os restos da turba e mesmo estiveron a piques de destruír varios ósos. Varias persoas, que adoitan pasear por este areal, recolleron ósos procedentes da turba e entregáronos a unha representante do CEMMA na Mariña (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños). Entre os ósos entregados destacan fragmentos de mandíbula e cornamenta de cérvidos.

A comezos de verán, no transcurso do acondicionamento da praia, unha pa mecánica retirou unha gran cantidade de fragmentos de turba, susceptibles de conservar restos óseos. Tamén se realizaron movementos de area para encauzar tanto o río da Barranca coma un rego que se atopa xunto ao río. Estas prácticas poñen en perigo a turbeira e os restos que conserva; por iso, Mariña Patrimonio vén de solicitar ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia a inclusión da turbeira de Arealonga no inventario de xacementos arqueolóxicos co obxectivo de que se protexa e se evite calquera acción que a poida danar

Exit mobile version