Site icon Crónica3.com A Mariña

Mondoñedo proxectará o 2 de agosto a película A Esmorga para dar a coñecer as zocas que saen no filme e creadas na localidade

Mondoñedo, 18 de xullo de 2015- A praza da Catedral de Mondoñedo converterase o próximo 2 de agosto nunha sala de cine e acollerá a proxección da película A Esmorga, na que unha das protagonistas calzaba zocas creadas na localidade.

A emisión do filme terá lugar ás 22.00 horas e en caso de choiva trasladarase ao auditorio Pascual Veiga. A entrada é de balde e disporase dun total de 200 cadeiras para os asistentes e dunha pantalla de proxección de 8×3 en H.D.

A esta iniciativa, para dar a coñecer o traballo artesanal desenvolvido dende o Museo das Zocas da localidade, cuxo responsable é Alberto Geada, asistirán o director da película Ignacio Vilar e dous dos seus protagonistas, Miguel de Lira e Melania Cruz (que interpreta na película a Raxada, a protagonista das zocas).

O Concello de Mondoñedo e a Xunta de Galicia (a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística) colaboran con este evento. Dende o goberno local defenden a importancia deste tipo de iniciativas para promocionar a produción artesanal que nace na localidade, ao tempo que recoñecen a “enorme importancia de que nunha película como A Esmorga se incluísen as zocas de Alberto Geada, só é necesario pararse na cifra de que o filme foi visto por máis de 60.000 persoas”.

Dende o Concello de Mondoñedo tamén agradecen o impulso e o traballo de Alberto Geada, cuxo obradoiro de zocas se converte nun centro de referencia internacional que potencia o calzado primitivo da madeira e leva implícito o nome da localidade.

Exit mobile version