Site icon Crónica3.com A Mariña

Música, danza, teatro e obradoiros completan a programación da Feira do Libro de Ribadeo entre o 3 e o 5 de xullo

O parque de San Francisco acolle entre este venres 3 e o domingo 5 de xullo a Feira do Libro de Ribadeo que permanecerá aberta entre as 12.00 e as 14.00 horas e as 18.00 e as 22.00 horas coa participación das librarías Aenea, Nobel, Balmes, Gran Enciclopedia Galega, Librería Anticuaria Galgo, Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, Vivín, PícarosMundi e Gráficas Santiago.

Xa o venres, trala súa apertura, se desenvolverán actividades de animación á lectura entre as 18.00 e as 20.00 horas. Armando Requeixo presentará o seu libro Mondoñedo literario ás 19.00 horas, antes da inauguración oficial a cargo de Farruco Graña, concelleiro de Cultura, e o pregón a cargo de Xavier R. Baixeras, ás 20.00 horas.

As actividades da xornada completaranse coa actuación do grupo de corda da EMMeD de Ribadeo ás 20.30 horas e un sorteo ás 21.30 horas.

O sábado entre as 11.30 e as 13.30 horas desenvolverase un obradoiro de creación de libros pop up e escritura creativa; mentres que de 12.00 a 14.00 horas Xavier R. Baixeras ofrecerá un percorrido poético por Ribadeo. Inés Fernández presentará As tres xarolas ás 12.30 horas.

Dende A Mesa pola Normalización Lingüística, Mónica Pazos, presenta en Ribadeo ás 18.00 horas Coñece o abecedario. E, igual que o venres, o sábado 4 de 18.00 a 20.00 horas desenvolveranse actividades de animación á lectura.

Ás 19.00 horas Marta Dacosta presenta Dun lago escuro. E xa ás 20.30 horas Cándido Pazó ofrecerá o seu espectáculo ‘Candideces’.

Finalmente, a xornada pecharase ás 21.30 horas cun sorteo e a presentación de Maridaxes literarias: viños e libros en La Galería 56 organizada por Picarosmundi Librerías en colaboración con Legado Gourmet.

E a última xornada desta Feira do Libro de Ribadeo comezará ás 11.30 horas cun novo obradoiro de creación de libros pop up e escritura creativa que se estederá ata as 13.30 horas.

Ás 12.20 horas o alumnado da EMMeD ofrecerá a performance ‘Orballo’, antes da presentación de Tempos do norte, a cargo de Mónica Justo e Roberto Martínez, ás 12.30 horas.

Ás 13.00 tamén haberá unha exhibición de danza no Cantón.

Xa pola tarde, ás 18.30 horas, presentarase Xoguetes naturais. Argalladas dos pícaros a cargo de José Manuel García que se completará cun obradoiro.

E antes do sorteo das 21.30 horas presentarase ás 19.30 horas A casa do vapor, de Maumarela, coa colaboración da Deputación Provincial e a concellería de Cultura do Concello de Ribadeo.

E ás 20.30 horas, o grupo de teatro de Ribadeo ofrecerá a representación de ‘O inspector (fragmento)’.

Exit mobile version