Site icon Crónica3.com A Mariña

Na XXXI Feira do Bonito de Burela, presentada este xoves, serviranse 2.800 quilos deste peixe en tres preparacións: cocido, asado e en empanada

230715 Foto bonito BurelaBurela, 23 de xullo de 2015.- O barco museo Reina del Carmen acolleu na mañá deste xoves a presentación da XXXI Feira do Bonito de Burela, que terá lugar o día 1 de agosto, organizada una ano máis pola Sociedade Cultural Ledicia e coa que colabora o Concello. Paralelamente, entre o 31 de xullo e o 2 de agosto celebrarase na nave de redes a feira de produtos artesanais e ecolóxicos Produart, que chega á súa décimo terceira edición. Agárdanse máis de 60 expositores, segundo deu a coñecer este mediodía o alcalde, Alfredo Llano.

Na XXXIII Feira do Bonito consumiranse 2.800 quilos de bonito, cocido, asado e en empanada a un prezo de 8 euros por ración. O bonito comezará a servirse ás 14 horas, xusto despois do pregón. Á feira sumaranse as propostas gastronómicas dos restaurantes da localidade entre o 31 de xullo de o 2 de agosto, que terán o bonito e as súas distintas receitas como protagonistas. O rexedor de Burela, presentou os dous eventos como unha maneira de impulsar un sector clave na economía burelense: “paralelamente celebramos os dous acontecementos, que son moi importantes para Burela, Produart coa Feira do Bonito e a Feira do Bonito con Produart. A Feira do Bonito representa perfectamente o que é o noso municipio. A pesca do bonito é algo tradicional que se fixo sempre, houbo costeiras extraordinarias dende hai moito tempo, o bonito é un peixe de referencia en Burela. Estamos dando produto a toda España, pescado da mellor maneira posible, artesanalmente, tal e como vimos facendo dende sempre, o que da unha garantía, calidade e perfección no produto extraordinaria”.

Alfredo Llano dixo: “tratamos de promover, dar a coñecer e degustar o bonito a toda a xente que queira achegarse a Burela o 1 de agosto, coa intención de que saian contentos, de que coñezan as diferentes formas de preparar o príncipe azul. Nesta edición non soamente imos repartir bonito en bandexa a través da asociación Ledicia o día 1, senón que todos os restaurantes están de acordo en preparar diferentes receitas de bonito durante o venres, o sábado e incluso o domingo. Así que a Feira do Bonito é moi importante o día 1, pero imos completala con actividades o venres e o sábado pola mañá. Ademais dos restaurantes, imos traer unha baixada de carrilanas pola rúa principal ata o porto. Tamén se vai traer unha actuación musical, a de Paula Rojo. Teremos xogos o sábado e verbena ese día á noite despois de xantar o bonito repartido entre a clientela que acuda. Isto é importante para a nosa economía, para dicirlle á xente que a nosa economía depende moito do produto que se está pescando, do bonito, e tamén queremos a través deste medio ensinar como debe ser e acoller á xente que queira participar, que estea asentada na comarca, en Asturias ou en toda a provincia de Lugo que veña aquí a pasalo ben ese día porque seguro que vai ter un bo recordo”.

Produart 2015
Con respecto a Produart, o alcalde subliñou a calidade dos expositores, preto de 70 se darán cita nesta décimo terceira edición: “trátase de expoñer produtos que sexan bos para a saúde, bos de producir, sostibles para o medio ambiente. Vai haber produtos ecolóxicos de diferentes fórmulas alimentarias, pero tamén haberá artesanía e produtos para empregar tanto na vivenda como en xardíns, todo considerado mediaombientalmente sostible. É unha forma de dar a coñecer artigos que son respectuosos co medio ambiente e que encima aforran enerxía e abaratan o recibo da luz todos os meses”. En Produart haberá: queixos, viños, doces, embutidos, comercio xusto, aceites, algas, conservas, cremas e xabóns, coiro, prata, cerámica, teares, roupa ecolóxica, etc… así como enerxías alternativas.

Alfredo Llano engadiu que “dunha maneira ou doutra van encher o recinto feiral que vai estar no local da nave de redes. A feira vai estar aberta tres días. Inaugurarase o venres pola tarde e despois vai estar aberta ese mesmo venres, o sábado todo o día e o domingo pola mañá”. E animou “a toda a xente que queira participar, contribuír, ver e mercar algo que realmente mereza a pena que se achegue a Produart”.

A feira dos produtos artesanais e ecolóxicos ocupará unha superficie de 2.000 metros cadrados. Produart abrirá as portas o 31 de xullo ás 17:30 horas e a inauguración será ás 19 horas. Correrá a cargo do alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano. É esta fundación a organizadora de Produart.

Exit mobile version