A actividade leva o título de Decálogo das nosas praias e estivo organizada polo centro de educación medioambiental Gaia, pertencente á Concellería de Medio Ambiente que dirixe Noelia Ben, que se achegou durante a mañá a saudar aos rapaces. A información preparada polos cativos empregou símbolos representativos moi semellantes aos que se poden ver no panel do paseo marítimo da praia, relativos á prohibición de entrar con cans na area ou acampar e ao uso sostible das duchas, acceso a persoas con discapacidade e á recollida selectiva de lixo.
Para a concelleira Noelia Ben, este tipo de actividade axuda a concienciar aos bañistas e aos pequenos sobre “as normas e actuacións correctas que debemos seguir nos areais e no noso entorno, para que sexan un espazo de goce respectuoso co entorno natural”. Na mesma liña, as monitoras de Gaia destacan que esta iniciativa “fomenta o coidado do medio ambiente local aumentando o grado de conciencia por parte dos usuarios”.
Decálogo das nosas praias forma parte, á súa vez, das actividades de verán que o Concello de Burela prepara para os nenos empadroados no municipio e nados entre o 2003 e o 2012.