Site icon Crónica3.com A Mariña

NN.XX. de Lugo traballa co partido na renovación das súas políticas e poñendo en valor os seus principios e valores

Lugo 6 de xullo de 2015.- O presidente de Novas Xeracións do Partido Popular en Lugo, Daniel Vega, explica que a súa formación está a traballar co PP na renovación das súas políticas e fano “poñendo en valor os seus principios e valores”.

O presidente provincial da formación xuvenil di que remitiron unha lista de propostas, que se incluíu no paquete de ideas presentado por NN.XX. de Galicia de cara a elaboración da ponencia do PPdeG, coa que consideran que se trasladan “propostas dos mozos e demandas reais da cidadanía”.

Os mozos populares lucenses achegaron ideas en materia de participación da cidadanía na vida política; de emprego e axudas aos desfavorecidos así como de desenvolvemento e mellora no ámbito da loita contra a crise. E por último, tamén remitiron consideracións na área de mellora dos servizos públicos.

Vega cita algunha das ideas que se incluíron neste paquete de propostas e nomea a necesidade de retomar e poñer en valor a ideoloxía, principios e valores que sempre caracterizaron ao partido; así como a necesidade de reforzar a importancia das circunscricións políticas e promover os encontros territoriais dos diversos representantes políticos para informar tanto aos afiliados como á cidadanía das propostas que se están a levar a cabo dende o partido.

Na área social e de axudas aos desfavorecidos, o presidente provincial fixo referencia a propostas como a creación dun viveiro de voluntarios de colaboradores en diversas entidades sociais cunha serie de beneficios como o recoñecemento de prácticas universitarias, axudas en transporte ou descontos.

No ámbito do emprego, os mozos populares citan achegas como son a creación dun viveiro de empresas e suprimir o límite de idade, apostando pola segunda oportunidade ou impulsar a boa formación no sector pesqueiro, co obxectivo claro de acadar unha magnífica cualificación profesional, o que, sen lugar a dúbidas, “potenciará un maior interese dos mozos e mozas nesta actividade”.

Dende Novas Xeracións da Provincia de Lugo tamén se fixeron achegas pensando no medio rural e reivindican o cumprimento dos contratos lácteos e garantir a recollida de leite dos gandeiros; a aposta pola transformación do territorio poñendo en valor o uso das terras para a alimentación nas ganderías, o que require apostar firmemente pola ordenación do cultivo; ou tamén a aposta firme polo relevo xeracional no sector agrogandeiro (produtores leiteiros, produción cárnica impulsando economicamente a raza Rubia Galega como fixadora de poboación no rural).

Por último, os mozos populares tamén defenden reformas necesarias na administración pública.

Exit mobile version