Site icon Crónica3.com A Mariña

No pleno de organización celebrado en Burela aprobáronse as dedicacións exclusiva e parciais do alcalde e os concelleiros de Cultura e Servizos Sociais

Burela, 9 de xullo de 2015.- No pleno de organización celebrado este xoves no Concello de Burela aprobáronse a dedicación exclusiva que percibirá o alcalde, Alfredo Llano, por importe de 45.000 euros brutos ao ano, e as parciais dos concelleiros de Cultura e Servizos Sociais, por importe de 14.000 euros brutos anuais. O rexedor dixo que “cobrarei o mesmo que no meu anterior mandato” e subliñou que “o aforro que conseguimos con respecto ao anterior equipo de goberno, preto de 12.000 euros, será destinado a fins sociais”.

Llano contou que “hai varias cousas que se manteñen igual que no anterior mandato. Teremos plenos ordinarios cada dous meses, serán os meses impares. É dicir o primeiro pleno ordinario será o 30 de xullo e as comisións informativas serán os luns anteriores á celebración desa sesión plenaria. As contías por asistencia a comisións, plenos e xuntas de goberno quedan en 30, 60 e 100 euros respectivamente”. Non varían tampouco as contías que se pagarán por dietas e gastos de quilometraxe. As achegas para os grupos políticos serán de 1.000 euros ao ano e 200 euros por concelleiro, “o mesmo que no anterior mandato e que xa se baixara”.

O alcalde cualificou de “infantil” o argumento dado polo portavoz do PP sobre as dedicacións exclusiva e parciais do novo equipo de goberno: “o señor Barcia facía un símil de proporcionalidade sobre as tres dedicacións exclusivas que tiveron eles, dicindo que elas traballaban máis horas e que nós con estas dedicacións, unha exclusiva e dúas parciais, íamos traballar menos que eles. Nós non miramos a proporcionalidade administrativa e mercantil de algo, o que imos procurar facer é traballar o máximo que se poida e facelo o mellor posible. É un mal exemplo poñer prezo ás horas e ao rendemento”. E engadiu que “as críticas do PP foron baseadas máis ben en fantasías que en realidades”.

Exit mobile version