Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela quere entrevistarse con Feijóo para abordar cuestións coma a construción da nova escola infantil ou a ampliación do Hospital da Costa

Burela, 1 de xullo de 2015.- O alcalde, Alfredo Llano, solicitará nos vindeiros días manter unha entrevista co presidente da Xunta para abordar cuestións coma a construción da nova escola infantil ou a ampliación do Hospital da Costa.

Llano dixo que “o convenio asinado entre o Concello e a Xunta relativo á nova escola infantil é unha carga para os veciños e as veciñas de Burela, xa que o Concello está asumir competencias que lle corresponden ao goberno galego. Debería ser a Xunta a que costease na súa totalidade a construción e que se encargase tamén da súa xestión”. O alcalde burelés sinalou que “a nós parécenos ben que se constrúa esa gardería, pero non con ese custe para o Concello que se fai cargo do 40% dos gastos de construción e do seu funcionamento. Isto supón un sacrificio para o pobo de Burela”.

Alfredo Llano quere entrevistarse co presidente goberno galego “para tentar cambiar os termos dese convenio. A administración autonómica debe facerse cargo de todo iso”.

O rexedor tamén se referiu á licitación das obras de ampliación do IES Perdouro e ás declaracións realizadas nas últimas horas polo voceiro do PP. A Alfredo Llano parécelle moi ben que se fagan investimentos en educación “porque é unha boa oportunidade para mellorar as instalacións dos centros, pero tamén estaría moi ben que se ampliase a formación que se imparte nos mesmos en lugar de suprimir ciclos. A FP Básica está moi ben, ao igual que os ciclos medios, pero tamén hai que potenciar os ciclos superiores. Asistimos hai pouco á eliminación dun ciclo superior de electrónica e outro ciclo de perruquería que non foi concedido. Hai que apostar por todos os niveis do ensino”.

Exit mobile version