Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Foz oponse á decisión da DGT de trasladar a Lugo os exames teóricos para obter os carnés de conducir

Foz, 15 de xullo de 2015.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, oponse á decisión da Dirección General de Tráfico (DGT) de trasladar a Lugo os exames teóricos para obter os carnés de conducir, probas que se levan facendo na vila focense dende hai varias décadas. O rexedor focense xa trasladou as súas queixas aos responsables provinciais da Administración Central e buscará o apoio do resto de alcaldes da Mariña para intentar evitar o que considera un “recorte inaceptable”.

Javier Castiñeira manifestou este mércores que “dende o Concello de Foz, e entendo que en nome de todos os mariñáns, quero mostrar o noso máximo descontento ante a decisión da Dirección General de Tráfico de trasladar a Lugo os exames teóricos de conducir, que ata agora se facían en Foz. É completamente inxustificado, pois cremos que os 70.000 veciños da Mariña temos dereito a facer os exames aquí, xa que senón suporía andar moitos anos cara atrás. Non sei se o afán da Administración do Estado é centralizar os servizos na cidade de Lugo, pero nós non estamos dispostos e, dende logo, creo que todos os demais mariñáns tampouco. Os veciños da Mariña non teñen porque desprazarse a Lugo e gastar, non só a persoa que vai facer o exame senón tamén un acompañante, uns cartos e un tempo”.

O alcalde engadiu que “se queren informatizar as aulas hai locais en Foz para facelo; que realicen aquí ese investimento e que se deixen de desculpas baratas. Non cesaremos ata que ese servizo volva a Foz, porque as desculpas que pon a Dirección General de Tráfico son inxustificables, pois din que queren tratar de que os exames sexan moito máis confidenciais. Se queren mellorar o servizo estamos encantados de que o fagan, pero que sexa aquí, na Mariña. Polo tanto a Dirección General de Tráfico ten que cesar desa idea, coa que non estamos para nada de acordo. No día de hoxe, cando mo notificaron, xa lles mostrei o meu completo descontento a todos os responsables da Administración Central en Lugo e non vamos cesar no noso empeño de que todos os mariñáns poidan facer os seus exames teóricos onde os viñan facendo, que neste caso é no centro da Mariña, en Foz. Cremos que é un recorte inaceptable para o que non vemos ningún tipo de xustificación”.

Ademais Castiñeira anunciou que vai notificar a todos os alcaldes da Mariña esta decisión e “entendo que entre todos tomaremos as medidas oportunas para facer forza ao unísono todos os concellos e evitar este recorte para todos os mariñáns”.

Exit mobile version