Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo amósase satisfeito pola declaración do Camiño Norte como Patrimonio da Humanidade

Ribadeo, 7 de xullo de 2015.- O alcalde, Fernando Suárez, amósase satisfeito pola declaración do Camiño Norte a Santiago como Patrimonio da Humanidade. E agarda que se poñan en marcha plans de axudas para amañar vivendas e hórreos situados ao pé do camiño co fin de ofrecer a mellor imaxe aos peregrinos e tamén aos veciños e veciñas que viven nesas parroquias e concellos.

O rexedor dixo que “claro que é unha satisfacción, cómo non o vai ser, o feito de que a Unesco declare Patrimonio da Humanidade o Camiño Norte de Santiago, camiño que pasa por Ribadeo, que é a porta norte de Galicia e do Camiño de Santiago. E a parte de que é un bo recurso turístico, que sen dúbida atraerá a máis peregrinos, hai que ter en conta que este camiño non ten a importancia que ten historicamente o Camiño Francés, pero si que nos últimos anos cada vez ten máis usuarios tanto a pé como en bicicleta, sobre todo, e isto ten que servirnos para querelo un pouco máis desde o punto de vista da veciñanza”. Suárez Barcia considera que “tamén ten que servir para que as administracións se volquen un pouco máis, dado que o patrimonio está razoablemente ben conservado, pero é necesario seguir actuando no patrimonio, tanto no público como nas vivendas que están ao pé do Camiño de Santiago”.

O alcalde ribadense indicou que “de aí que a ver si agora, con esta declaración institucional deste organismo internacional, tanto a Xunta como o Ministerio se poñen as pilas e poñen en marcha aqueles plans de axuda de hai uns anos, perfectamente lembro na época do bipartito que había subvencións para amañar fachadas, para restaurar hórreos, elementos patrimoniais, etc, nas parroquias por onde pasaba o camiño. E aquí, a parte de ser o casco vello de Ribadeo, tamén o son as parroquias de Ove, de Covelas e de Arante”.

Suárez Barcia engadiu: “benvida sexa esta declaración, pero agardamos que traia tamén debaixo do brazo actuacións administrativas desde o punto de vista de apoio económico para que a xente poida ter as súas contornas conservadiñas e ben adaptadas e que así os que nos visiten vexan un país ordenado e ben integrado e ao mesmo tempo os que viven aquí tamén se atopen nunhas situacións axeitadas”.

Exit mobile version