Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros lamenta que o Partido Popular se negue a meter na orde do día unha moción na defensa do sector lácteo

Barreiros, 30 de xullo de 2015.- O grupo municipal do BNG en Barreiros lamenta que o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, e o Partido Popular se neguen a intorducir na orde do día unha moción que a formación nacionalista rexistrara a semana pasada para ser tratada en pleno e acadar un acordo sobre o apoio ao sector lácteo.

Desde o BNG sinalan que “a producción de leite segue a ter un peso moi importante no noso concello e, a pesar diso, parece que é secundario para o alcalde de Barreiros. As súas declaracións producíronse tras a petición do BNG para que se puxese ao concello do lado do sector e agora podemos ver como ignora a proposta de moción presentada para sacar un posicionamento do concello de Barreiros pedindo aos gobernos galego e estatal que tomen medidas urxentes para garantir tanto a recollida do produto como un prezo digno para o leite”, explica a portavoz municipal, Ana Ermida.

Para o grupo nacionalista “esta actitude, de ignorar sistematicamente calquera iniciativa que proveña do BNG, demostra que Alfonso Fuente e o Partido Popular non gobernan pensando nos intereses das veciñas e veciños; porque de ser así, sería o primeiro en convocar un pleno expreso para esta cuestión no que se facilitara a asistencia do sector e no que o posicionamento fora claro e contundente do lado do sector leiteiro que, a día de hoxe, segue sendo sustento principal de un número importante de familias en Barreiros”, afirman.

Defensa do tratamento das mocións pola vía de urxencia
Á vista de que as mocións rexistradas (de apoio ao sector lácteo e de elaboración dun regulamento de participación veciñal) non foron introducidas na orde do día do pleno de hoxe ás 19:30, o grupo municipal do BNG defenderá o seu tratamento pola vía de urxencia. Consideran “que os temas teñen a suficiente importancia como para ser tratados xa neste pleno e non agardar ao pleno de setembro, en caso de que desde a alcaldía decidan incorporalas na orde do día”, di Ana Ermida.

O grupo municipal do BNG defenderá que se debata sobre estas dúas mocións e levará a pleno tamén outras cuestións que foron recollendo na reunión e visitas que estuveron realizando nestes días previos que versarán a respecto da situación de varias vías municipais, do servizo de recollida de lixo ou da captación e funcionamento do sistema de abastecemento de auga.

Pregunta sobre o estado do teleclub do Val do Caínzo
O BNG tamén preguntará cal é a situación na que se atopa o teleclub do Val do Caínzo, levado por diante por un depósito de auga sen colocar no mes de maio e sobre o que non se realizou ningunha actuación.

Desde o BNG califican esta actitude de “pasotismo total do alcalde e de desentendemento polos problemas do concello. Naquel momento reuniu á veciñanza para dar algunha explicación, pero simplemente porque se estaba en plena campaña electoral das municipais. Agora, dous meses despois, as veciñas e veciños seguen sen saber nada e sen ter ningunha solución para o teleclub nin para a colocación do depósito, que segue no mesmo lugar desde o que rodou por un refacho de vento”, explican.

Exit mobile version