Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG presentará nos Concellos unha moción na defensa do sector lácteo galego

A Mariña, 2 de xullo de 2015. O BNG anuncia que presentará nos concellos da comarca unha moción coa que se pretende que as institucións municipais se poñan á cabeza na defensa das produtoras e produtores de leite que, “a día de hoxe están a vivir unha situación dramática, que se agravou nos últimos días cos problemas na recollida que está a afectar tamén a algunhas das explotacións na nosa comarca”, explica a responsable comarcal, Ana Ermida.

Na iniciativa que presentarán desde a formación nacionalista solicitan que os gobernos galego e estatal poñan a disposición do sector todos os mecanismos ao seu alcance para garantir que industria e primeiros compradores garantan a recollida do leite.

Desde o BNG consideran que “o sector leiteiro galego está nun momento crítico pola indefensión na que se atopa fronte á industria que marca os tempos, prezos e servizos sen que as gandeiras e gandeiro teñan un instrumento do que valerse para estar en situación de igualdade. As políticas deseñadas pola Unión Europea e o Estado español, trasladadas a Galiza, deixan un sector debilitado e vendido a intereses alleos que, na actualidade, está a atravesar unha situación de emerxencia”.

“É imprescindible que o goberno galego actúe como tal e se poña por diante na defensa dun sector que é unha das arterias do País. Desde o BNG témolo claro, hai que estar do lado das produtoras e dos produtores que están a día de hoxe na man dunhas industrias que manexan o mercado e marcan os prezos sen atender sequera a cubrir as necesidades e custos básicos”, declaran desde o BNG.

“Vivimos unha situación de emerxencia nacional. Ou actuamos con un criterio de defensa clara e contundente do noso sector lácteo, ou condenaremos ao que foi un País pioneiro na produción de leite a desaparecer e seguiremos provocando o despoboamento e a morte do rural galego”, afirma Ana Ermida.

Desde a formación nacionalista sinalan que “é fundamental a implicación dos concellos, que son as institucións máis próximas e as que máis conciencia teñen da situación que están a vivir as explotacións desta comarca.”

“Non é unha cuestión de cores políticas. É unha cuestión de defensa de veciñas e veciños que teñen o dereito a poder vivir dignamente do seu traballo e que, levan anos sufrindo políticas tendentes á desaparición do sector”, afirman desde o BNG. “É o momento de poñer todos os instrumentos que teñamos, e por suposto, os concellos, ao servizo dun sector fundamental na economía da comarca da Mariña, que mantén moitos postos de traballo directos, pero que ten unha repercusión grandísima sobre toda a vida económica da Mariña”, conclúen desde o BNG.

A moción que presentarán recolle, literalmente, os seguintes puntos de acordo:

1. O Concello comprométese firmemente coa defensa do sector lácteo, co dereito a producir dos e das gandeiras e coa garantía de prezos en orixe xustos, para o cal adoptará posicións e demandas públicas contundentes na consecución destes obxectivos, situándose do lado do sector produtor asumindo as súas demandas nesta crítica situación.

2. Instar ao Goberno Galego e ao Goberno do Estado a fin de que a través de todos os mecanismos de que dispoñan apremen ás industrias e aos primeiros compradores a garantir a recollida de todo o leite que se produza nas explotacións galegas.

3. Instar ao Goberno Galego a que garanta a percepción dun prezo do leite en orixe xusto e que cubra os gastos de produción para o cal se adoptarán as seguintes medidas:
a) Crear un instrumento interprofesional de negociación e decisión coa participación do sector produtor, industria e distribución, actuando a administración como mediadora e catalizadora de acordos e velando polo cumprimento destes.

b) Estabelecer, nese ámbito, os criterios e indicadores sobre os que debe construírse a cadea de valor do leite e, por tanto, o prezo a percibir polos produtores e produtoras que, en ningún caso, poderá ser inferior ao de produción, así como os mecanismos para garantir a recollida da produción.

c) Reclamar a modificación do Real decreto 125/2015 coa finalidade de introducir mecanismos que garantan a posibilidade real de negociación entre produtores e industrias das condicións contractuais; mecanismos de garantía de recollida de produción, así como do volume e marxe de tolerancia, así como de instrumentos de mediación e vixilancia de cumprimento das condicións de negociación e cumprimentos contractuais.

4. Urxir ao Goberno Galego a que realice unha campaña de inspección no ámbito das súas competencias, e instar ao Estado a que faga o propio no ámbito das súas, para perseguir e sancionar as prácticas de “dumping” nas grandes áreas de distribución evitando a banalización do leite e a súa utilización como elemento de reclamo mediante a súa venda a perdas.

Exit mobile version