“Despois dun ano moi difícil necesitaba un novo reto, recuperar as ganas de xogar, e cando se me presentou a oportunidade en Burela tíveno moi claro, por equipo, porque está preto da miña casa e porque é un club serio. Sei que podo dar un bo rendemento e ter grandes opcións de mellora, rodeado de bos xogadores”, explicaba o primeiro reforzo burelista, destacando as virtudes laranxas: “O Burela FS mantén un bo bloque, que realizou un temporadón, ao que chego para intentar achegar o meu gran de area, traballando, disfrutando do fútbol sala e axudando aos meus compañeiros”. Iago Rodríguez será unha das caras novas, xunto ao técnico, Daniel Ibañes, para o que tamén só ten eloxios: “Como sexa coma adestrador a metade do que foi como xogador, un dos mellores da historia, podemos pelexar por todo. Estou moi ilusionado de traballar con alguén que coñece tanto do fútbol sala e espero poder aprender moito”.
“Estiven toda a miña vida en Lugo, así que a estrea en Vista Alegre será aínda máis especial para min; estou desexando comezar. Como rival non me foi nada ben; un partido non puiden xogalo porque estaba enfermo e nos outros dous lesioneime; espero que como local sexa máis positivo” puntualizaba entre risas Iago.