Deste xeito, catro novas rutas do Camiño de Santiago polo norte penínsular súmanse ao Camiño Francés -recoñecido dende 1993-. Trátase do Camiño Primitivo, o Camiño da Costa, o Camiño vasco-rioxano e o Camiño de Liébana.
Pero, ademais da ruta do norte a candidatura promovida polos gobernos autonómicos de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e La Rioja, así como polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte do Goberno de España, inclúe tamén a distinción dun conxunto de 16 monumentos da máxima relevancia e valor cultural. Entre eles atópase a catedral de Mondoñedo e outros tres bens galegos: a Muralla e a Catedral lucenses e o Mosteiro de Sobrado dos Monxes.
Por Galicia transitan dúas das catro rutas: o Camiño da Costa, que comunica a cornixa Cantábrica con Compostela, e o Camiño Primitivo. O Camiño da Costa discorre por un total de 16 concellos: Ribadeo, Barreiros, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Guitiriz, Begonte, Friol, Sobrado, Vilasantar, Boimorto, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela, onde entronca co Camiño Francés á altura da cabeceira do aeroporto de Lavacolla.
E, pola súa banda, o trazado do Camiño Primitivo, ao seu paso por Galicia, discorre por un total de nove concellos: A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo, Guntín, Friol, Palas de Rei, Toques e Melide, onde finalmente entronca coa ruta principal do Camiño de Santiago: o Camiño Francés.
Galicia incrementa así a súa nómina de declaracións, que até o día de hoxe incluía xa á cidade vella de Santiago de Compostela, elixida en 1985; o Camiño de Santiago Francés, inscrito en 1993; a Muralla romana de Lugo recoñecida no 2000; e a Torre de Hércules, que alcanzou a súa inclusión no 2009.