Site icon Crónica3.com A Mariña

O Club Kayak de Foz, no Campionato Galego infantil A e B de piragüismo na distancia de 3000 metros

02Foz, 2 de xullo de 2015.- O Kaiak de Foz preséntase con posibilidades de facer podio.

O próximo domingo, 5 de xullo, a partir das dez da mañá, o piragüismo base ten unha importante cita no Campo de Regatas de Verducido-David Cal coa disputa do Campionato Galego infantil A e B sobre a distancia de 3000 metros, un campionato organizado pola Federación Galega de Piragüismo. 324 padexeiros de case todos os clubs de Galicia están inscritos para participar neste Campionato Galego, un campionato que se desenvolverá na xornada matinal.

Fiel á cita, o Kaiak de Foz despraza a esta competición seis infantís: as irmás Paola e Naila García Neira competirán en muller infantil B, Brais Martín Fraga, Fran Rubio Pacios e Pablo López Fernández na categoría home infantil B e Xoel García Neira na categoría home infantil A.

Os resultados obtidos o pasado fin de semana na Copa de España disputada en Zamora fan abrigar esperanzas sobre os resultados dos infantís neste Campionato Galego. Así Paola, que foi sétima na Copa de España, ten moitas opcións de facer podio no Campionato Galego xa que o seu crono na Copa foi o terceiro mellor tempo de todas as rapazas galegas presentadas.

O mesmo sucede con Xoel García, campión galego infantil B no 2014 de 3000 metros e que marcou en Zamora o segundo mellor tempo entre os padexeiros galegos. Fran Rubio, pola súa banda, aínda que non fixo bo posto en Zamora, se os está a facer nas regatas do Campionato Galego onde está a raiar un gran nivel; proba diso son os dous cuartos e un terceiro posto conseguidos. Estes resultados de Fran fan concibir grandes esperanzas sobre un bo resultado no Campionato.

Naila, Brais e Pablo teñen marcado como principal obxectivo intentar superar as súas propias marcas, para o cal se estiveron a preparar ao longo destes meses. Moita sorte a todos.

Exit mobile version