Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela envía notificacións ós propietarios de fincas en mal estado

Burela, 15 de xullo de 2015. O Concello está a enviar notificacións aos propietarios dalgunhas fincas para que procedan ao seu adecentamento, segundo deron a coñecer este mércores o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, e a concelleira de Medio Ambiente, Noelia Ben.

Os edís socialistas explicaron que “hai moitas fincas cheas de maleza, solares que hai moito tempo que os seus propietarios non limpan e o que queremos é que os vaian poñendo ao día pouco a pouco para mellorar a imaxe do noso pobo”. Os concelleiros subliñan que “se trata dunha medida sanitaria para evitar a proliferación de ratas e cobras nesas zonas”. Fernández e Ben advirten que “en caso de que esas persoas fagan oídos xordos a esas notificacións que lles estamos a remitir estes días teríamos que tomar as medidas oportunas”.

Desde as Concellerías de Medio Ambiente e Turismo insisten “na necesidade de mellorar a imaxe de Burela polo ben dos veciños e veciñas do noso pobo e tamén polos que cada verán nos visitan ou elixen a nosa vida para descansar uns días”.

Cans
O Concello editou esta semana, tal e como anunciou hai uns días, un bando dirixido aos propietarios de mascotas “para que se comporten de xeito cívico e non deixen tirados nas beirarrúas ou nos vieiros os excrementos destes animais. O obxectivo do bando é concienciar á poboación e corrixir estas actitudes que están a xerar queixas no noso concello. Todos queremos gozar dunha vila o máis limpa posible e todos temos que poñer da nosa parte. Ao igual que coas fincas, si este bando non se ten en conta teremos que tomar medidas”.

Ramiro Fernández incide en que “está prohibido o uso dos parques públicos con cans, tal e como se indica na sinalización dos mesmos. É algo que deben ter moi en conta os propietarios destes animais”.

Exit mobile version