Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela estuda facer unha exposición permanente para dar a coñecer a historia castrexa de Burela

Burela, 16 de xullo de 2015.- O Concello estuda facer unha exposición permanente para dar a coñecer a historia castrexa de Burela. O alcalde, Alfredo Llano, asegura que estará situada nun lugar céntrico da vila e que contará cunha reprodución exacta do torques que se expón en Lugo no Museo Provincial. O obxectivo “é amosar o noso torques como motivo identitario e histórico e tamén dar a coñecer a relación castrexa con Burela e poñer todo isto en valor”.

O rexedor explicou que “estes días estamos a realizar contactos con xente que sabe e que está moi interesada na historia castrexa de Burela e no seu torques. Nós xa levamos no noso programa electoral a posibilidade de facer como un museo permanente co noso torques. Expoñendo o torques explicamos tamén a nosa historia, explicamos onde apareceu e onde está agora, aínda que xa todos sabemos que se atopa no Museo Provincial de Lugo”.

Alfredo Llano insistiu en que “estamos en contacto con xente que está moi interesada e que entende moito do tema e imos estudar onde situar, esa exposición permanente, ese pedestal, queremos que sexa nun lugar moi transitado, que favoreza a súa visión e coñecemento. A miña idea é colocar alí unha reprodución, o máis exacta posible, do torques que está en Lugo e ao mesmo tempo uns textos nos que se explique todo o relativo á historia castrexa, onde apareceu o torques, o que significa para Burela, etc. Estamos a buscar ese lugar. Podería ser no centro de Burela”. O alcalde lembrou que “había unha proposta para levalo onde estaba o castro, pero non me parece un lugar moi bo agora mesmo. Sería mellor si estivera o castro á vista. Agora mesmo o que tratamos é de situalo nun sitio céntrico, de fácil acceso, e pretendemos que case a xente tropece con el”.

O alcalde de Burela agarda que sexa unha realidade en pouco tempo, “estudaremos o mellor lugar e a mellor forma para que teña unha estética agradable á vista. A ver si a finais do verán tivésemos isto resolto”.

Museo virtual
Por outra banda, o Concello reactivará o museo virtual creado na anterior etapa de Alfredo Llano, como alcalde de Burela: “é a nosa intención recuperar o museo virtual, que puxemos en marcha no anterior mandato no que gobernamos co BNG. Foi algo que tiña moita aceptación e moitos seguidores en internet. Alí explicábanse moitas cousas importantes do noso concello. Non sei porque non se seguiu adiante con esta cuestión nos catro últimos anos, así que en pouco tempo agardamos poñelo en marcha para que a xente recorra á nosa historia e coñeza moitas cousas interesantes de Burela”.

Exit mobile version