Mondoñedo, 11 de xullo de 2015.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, xunto a edil de Facenda e Benestar, María Ángeles Rodríguez Rico, explicaron este sábado que o Concello eliminará a lista de espera do Servizo de Axuda no Fogar e farao cando non se cumpriu nin un mes dende que asumiron responsabilidades de goberno.
A rexedora popular asegura que a atención aos que mais o necesitan e a garantía do benestar é unha das prioridades do goberno que dirixe, polo que estudaron as xestións oportunas para que o Concello de Mondoñedo poda atender a todos os demandantes do Servizo de Axuda no Fogar.
A edil asegurou que había doce persoas que necesitaban deste servizo e que estaban a espera de que se lle concedese e a “nosa planificación permitirá que se elimine por completo esta lista de espera”.
A atención a todos os demandantes do Servizo de Axuda no Fogar será posible á raíz dunha mellor organización do servizo “aproveitando os recursos ao máximo e despois de que a Xunta de Galicia nos concedese un aumento en horas mensuais”.
Por último, dende o goberno local engadiron que se contactará a próxima semana con todos os usuarios deste servizo.