Trabada, 16 de xullo de 2015. A Alcaldesa, Mayra García, participará na movilización impulsada polos sindicatos agrarios en Santiago de Compostela este venres 17 de xullo, a partir das 12.00 horas, poñendo a disposición dos veciños un bus gratuíto. O compromiso da rexedora con este sector é absoluto. “É un píar da economía do noso concello, pois son moitas as familias do noso Concello que traballan e viven do sector, ademáis dos empregos indirectos que xeran noutras empresas do Concello”.
“O lácteo, é un sector estratéxico, que fixa poboación no medio rural e que contribúe ó mantemento vivo de concellos rurais como o noso”, explicou a rexedora. O Concello de Trabada adheriuse á Plataforma en Defensa do Sector Lácteo. Deste xeito, a rexedora, reforza o seu compromiso co sector.
O sector lácteo de Galicia está a atravesar unha situación límite, abocando moitas explotacións ó peche, e a diferencia de outras empresas, “unha explotación cando pecha, non volve a poñerse en marcha, polo tanto, esiximos solucións inmediatas que garantan o futuro das explotacións e poñan fin á situación insostible que están a vivir os gandeiros”, explicou a rexedora.
Unha situación que se viu agravada nos últimos meses pola presión da industria, que está pagando o litro de leite por debaixo dos custes de producción, e que “é consecuencia da nefasta xestión feita tanto polo Goberno Central, como polo da Xunta. Son responsables directos desta situación, por afrontar a desaparición do sistema de cotas lácteas sen aplicar as medidas do paquete lácteo, chegando a provocar a perda de cabezas de gando, baixo unha ameaza ficticia dunha multa por supertaxa e deixando de defender ós gandeiros fronte ós abusos da industria, coa imposición de prezos por debaixo do custe de producción, e incluso, deixando leite sen recoller”, recalcou a alcaldesa.