Site icon Crónica3.com A Mariña

O curso interdisciplinar de música de Mondoñedo celebrarase entre o 13 e o 17 de xullo

pres-musica-mondoMondoñedo, 8 de xullo de 2015- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia e o edil de Educación, Mocidade e Novas Tecnoloxías, Alberto García, presentaron este mércores o VI Curso Interdisciplinar de Música de Mondoñedo, acompañados polo director desta iniciativa, Xan Carballal.

Este curso, organizado dende a Escola Municipal de Música “O Pallarego”, celebrarase entre o 13 e o 17 de xullo e diríxese a rapaces de catro anos en diante, tanto para os que tocan algún instrumento ou están comezando a facelo como para aqueles que non se iniciaron no mundo da música pero que teñen interese en descubrilo.

Os contidos destas xornadas, que se desenvolverán entre as 10.30 horas e as 13.30 horas, inclúen preparación dun conto musical infantil; instrumentos Orff; coro; sensibilización do ritmo e dos distintos sons; probas dos distintos instrumentos e orquestra.

O curso rematará cun concerto o venres 17 de xullo ás 20:30 horas no auditorio Pascual Veiga, no cal participarán todos os rapaces e interpretarán un conto musical infantil.

Por último, dende o goberno local lembraron que o prazo para anotarse neste curso gratuíto finaliza este venres 10 de xullo, e as follas de inscrición poderán entregarse na Escola de Música ata ese mesmo día (Alcántara S/N, teléfono 982 50 73 85).

Exit mobile version