Para o BNG “o 25 de xullo é un día festivo, porque é o día grande da nosa Patria, no que temos que amosarnos ao mundo orgullosas de ser galegas e galegos; mais tamén é un día reivindicativo, no que ser quen de situarnos con capacidade para decidir o noso futuro e tomar as decisións que nos afectan como pobo.” O lema elixido pola formación frontista para este 25 de xullo é “Soberanía (é) democracia”, nunha clara mensaxe pola “necesidade democrática de que sexan os pobos os que decidan o seu futuro e tomen as súas decisións fronte aos organismos antidemocráticos que están marcando os pasos do mundo”, explica Ana Ermida.
Neste sentido, “é imprescindible que o vindeiro 25 de xullo as rúas de Compostela sexan un fervedoiro de xente disposta a defender este País e amosar que somos quen de organizarnos para camiñar polo mundo con voz propia. De aí que o BNG impulsara, xunto con outras formacións e persoas a título individual que a manifestación do vindeiro 25 sexa convocada sen siglas e con carácter unitario para todas as mulleres e homes que queren a Galiza e que desexan que poidamos ser donas de nós mesmas”, aseguran.
Igualmente, desde o BNG animan a pendurar a bandeira galega nas fiestras e balcóns nos días previos e o propio 25 de xullo para festexar o día nacional de Galiza.
Actos previos na comarca para “quentar motores para o 25 de xullo”
O primeiro dos actos que se desenvolverán na comarca será este mesmo xoves, no Parque de San Francisco, en Ribadeo; onde a mocidade de Galiza Nova organiza unha “tarde lúdico festiva coa presenza da humorista Isabel Risco. A xornada desenvolverase a partir das 19:30 e contará tamén con un espazo para a posta en valor da gastronomía local, mediante a degustación das elaboracións de Lola de Remourelle”; explican desde Galiza Nova.
O sábado tocaralle turno á xa tradicional “Chicharrada” de Foz, que se desenvolverá na explanada do peirao e que chega á súa XXII edición. A partir das 19 horas, fronte á lonxa “poderán degustarse chicharros lañados, torrezmos, chourizo e disfrutar de música tradicional ao vivo”; explica Lorena Seivane.
Tamén o aspecto gastronómico terá relevancia na X Manifesta da Patria que o BNG celebra o domingo en Barreiros. Desta vez, será coa habitual bonitada que se desenvolverá a partir das 2 da tarde na área recreativa de A Insua. Na xornada haberá xantar, intervencións políticas, música e xogos tradicionais para pasar un bo domingo nun acto lúdico-reivindicativo que acada xa a súa décima edición.
Transporte colectivo e xantar organizado para o 25 de xullo
Coa intención de animar a asistencia de persoas desde A Mariña a Compostela, o BNG comarcal pon a disposición de quen o desexe a posibilidade de desprazarse en autobús o propio día 25 e tamén de xantar na Carballeira (onde xa desde o 24 estará desenvolvéndose o Festigal) de xeito organizado. Que teña interese en acudir en autobús ou en xantar organizadamente, debe anotarse ata o mércores 22 de xullo nos teléfonos 982.140.654 ou 619.182.213.