Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo municipal do PSdeG-PSOE amósase sorprendido polas declaracións do alcalde sobre o parque infantil de Ribadeo, e esixe solucions urxentes e depurar responsabilidades

Ribadeo, 31 de xullo de 2015.- O grupo municipal do PSdeG- PSOE de Ribadeo non pode mais que amosar a súa sorpresa polas declaracións do noso alcalde. Para empezar, se coñecía as deficiencias detectadas e tendo en conta que, como se pon de manifesto no informe presentado antonte no Concello, a súa gravidade impide a preceptiva Declaración de Conformidade, preguntámonos cómo é posible que se recibise a obra e se abrise ó público sen que a empresa adxudicataria da mesma tivera corrixido as faltas; e cómo é posible que dende o Concello non se teña informado ós veciños e veciñas dos problemas detectados e de cómo o concello ten previsto resolvelos.

Este mesmo venres vemos de solicitar no Concello toda a información sobre o expediente do parque e en especial o tocante a acta de recepción da obra, o informe de deficiencias que di o alcalde que ten e a correspondiente declaración de conformidade segun o Decreto 245/2003.

Por outra banda, queremos aclarar que as normas ás que o Sr. Alcalde se refire como “recomendacións” foron convertidas en normativa de obrigado cumprimento para a Comunidade de Galicia polo Decreto 245/2003, da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, de 24 de abril, sobre Normas de Seguridade en Parques Infantís, que ten por obxecto regular as normas mínimas de seguridade e prevención de accidentes que deben reunir os parques infantís e as áreas de xogo para a infancia, así coma os seus equipamentos e elementos de xogo.

Efectivamente, o informe presentado polo noso grupo municipal é un informe privado (pagado cos fondos propios do grupo municipal socialista) e foi feito por unha entidade privada, pero cómpre aclarar que se trata dunha entidade acreditada co Nº 244/EI368 pola Entidade Nacional de Acreditación, dependente do Ministerio de Industria, para a inspección de parques infantís, segundo se pode comprobar na web https://www.enac.es/web/enac/acreditados- (só hai tres empresas acreditadas en todo o territorio nacional).

Por iso, dende o noso grupo, pedímoslle o Sr. Alcalde que se examinen e se corrixan non só algunhas (as non conformidades que supoñen un alto risco), senón todas as deficiencias sinaladas no informe, habido conta de que as normas que se infrinxen, primeiro, como xa se dixo son de obrigado cumprimento na nosa comunidade e, segundo, por suposto que son algo positivo que redunda non só nunha mellor calidade do servizo senón, moito mais importante, nunha maior seguridade para a integridade física dos nenos e nenas que poidan usar as instalacións.

Tamén lle pedímos que se manifeste garantindo a legalidade ou non do parque, e garantindo tamén que non hai riscos para o seu uso polo nosos nenos e nenas, e, de non ser así que tome inmediatamente as medias oportunas.

Finalmente, queremos agradecerlle ó Sr. Alcalde o seu recoñecemento da nosa labor como oposición e garantirlle a él e a todos os veciños e todas as veciñas de Ribadeo que esta mostra de oposición construtiva e sinal da vontade do grupo municipal socialista de representar e poñer sempre o interese de todos e todas as ribadenses por riba de todo. Nós queremos un Ribadeo mellor para todos e todas e traballaremos arreo para conseguilo.

Exit mobile version