Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo provincial do BNG reclamou o desbloqueo das actuacións comprometidas para mellorar as infraestruras viarias na Mariña

Lugo, 28 de xullo de 2015.- O Grupo Provincial do BNG na Deputación de Lugo reclamou mediante unha moción a debate no pleno deste martes, solucións ás graves deficiencias das infraestruturas viarias de competencia estatal que serven de entrada ou saída e vertebran a comarca da Mariña. Antonio Veiga Outeiro, portavoz do GPBNG na Deputación, esixe rematar coas promesas e ver feitos que permitan mellorar o firme das estradas N642 e N634, prazos de execución e dotación orzamentaria para 2016 nos orzamentos do Estado para solucionar de maneira definitiva os constantes peches por néboa da A8 no tramo do Fiouco e a mesma petición para a autovía Barreiros – San Cibrao pendente de redacción do proxecto construtivo.

Para o BNG o Ministerio de Fomento está dando largas e adiando solucións aos múltiples problemas existentes nas infraestruturas viarias da comarca, pouco importa se goberna o PSOE ou o PP, existen demandas históricas que seguen sen solución tanto nas vías convencionais como nas autovías, porque de nada valen centos de millóns invertidos na A8 cando pecha durante semanas enteiras e a autovía entre Barreiros e San Cibrao so existe no papel e nin sequera está completada a súa tramitación administrativa.

O portavoz do GPBNG, o mariñao Antonio Veiga, argumenta que o bloqueo das solucións demandadas tamén supón o bloqueo do desenvolvemento económico da comarca que a pesar da crise, segue sendo contando cun importante dinamismo económico cun 33% do PIB provincial polo seu potencial industrial, pesqueiro, gandeiro ou forestal cuns sectores puxantes que precisan de medios para avanzar.

Veiga asegura que as necesidades que ten neste momento a Comarca da Mariña en infraestruturas viarias son unha demanda que o Ministerio de Fomento non pode eludir na parte que lle corresponde. Resolver os problemas de seguridade na A-8, mellorar e acondicionar as estradas N-634 e N-642 , construír a Autovía Barreiros – San Cibrao …, son actuacións básicas e fundamentais para favorecer e asegurar o desenvolvemento presente e futuro desta importante comarca do norte de Galiza.

A formación nacionalista reclama que o ente provincial se dirixa ao Ministerio de Fomento para que “incremente nos vindeiros orzamentos do Estado as partidas económicas para a reparación do firme das estradas N634 e N642 así como definir e acelerar os prazos de execución das citadas obras”. Ademais pide acurtar os prazos anunciados nas previsións de mellora da A8 no Alto do Fiouco que acabe cos continuos cortes, redacción e exposición publica do Proxecto Construtivo da autovía San Cibrao – Barreiros e dotación orzamentaria para ambas actuacións nos orzamentos 2016 e seguintes do Ministerio de Fomento.

O GPBNG pídelle ao PP provincial menos demagoxia e mais sensibilidade en relación aos desafiuzamentos
En relación á moción do Partido Popular instando á Deputación a que modifique o a ordenanza xeral de recadación de impostos transferidos dos concellos onde se propoñía, entre outras, unha modificación para evitar desafiuzamentos por débedas tributarias en primeiras vivendas, o portavoz nacionalista reclamou do goberno provincial que non use a demagoxia nun tema tan grave como este, “nunca mentres o BNG estivo no goberno provincial se chegou a ao límite de embargar ningunha vivenda habitual, nin sequera a ningún embargo xa que sempre se buscou a negociación e alargar prazos para o pago dos impostos en período executivo”.

Antonio Veiga explicou que o BNG presentou unha emenda para o que o grupo de goberno, “goberne levando a pleno unha modificación da ordenanza si é que quere facelo e deixe de tratar de enganar á xente con mocións demagóxicas que non teñen ningún sentido práctico”. Desde logo, afirmou o nacionalista, “non vai ser o Partido Popular quen veña dando clases ao BNG sobre a defensa das persoas desafiuzadas coa traxectoria que ten o BNG neste sentido, dentro e fora das institucións”.

Exit mobile version