Site icon Crónica3.com A Mariña

O novo faro de Burela, totalmente rematado

IMG-20150701-WA0008Burela, a 01 de xullo de 2015.- O portavoz do Grupo Municipal Popular (GMP) e anterior alcalde, José María González Barcia, anunciou que este mércores “remataron definitivamente as obras de reconstrucción do novo faro da nosa vila, un dos dous símbolos por excelencia do concello, xunto co Torques”.

Barcia afirmou que “as obras remataron hoxe, xa que hoxe tamén quedou rematada a instalación do sistema de sinalización lumínica e da súa fonte de alimentación”.

O anterior alcalde e actual portavoz do GMP tivo palabras de recoñecemento para o Ministerio de Fomento e a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao: “desde o minuto un, desde aquel luns de entroido do ano pasado no que un temporal derrubou o faro, atenderon as nosas peticións, que eran sinxelas: recuperar o faro de tal xeito que o novo fose unha réplica exacta do anterior. E teño que decir que en todo momento os dous organismos atenderon as nosas peticións de forma exquisita”.

González Barcia afirmou que “houbo que salvar o problema económico, xa que o total de cartos investidos pola Autoridade Portuaria na obra do Faro acércase ó medio millóns de euros, xa que á obra en sí mesma de reconstrucción do Faro, un 370.000’00€, hai que engadirlle os 20.000’00€ do proxecto e os 60.000’00€ da retirada dos restos do anterior. Pero fumos quen de plantexar a necesidade de reconstruir o Faro con argumentos, e aí está a realidade para verificar que fixemos unha mui boa xestión, que por outra parte o pobo de Burela se merecía”.

Exit mobile version