Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP “rectifica” tras a denuncia do PSOE ó permitir que empecen a traballar os 12 dinamizadores do Ben Empregado

O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Lugo amosou este luns a “súa satisfacción”, posto que tras a denuncia que realizaron o pasado xoves sobre a destrución emprego na provincia por parte do Goberno de Elena Candia, o PP decidiu rectificar, “aínda que só en parte”, ao permitir que empecen a traballar os 12 dinamizadores do Ben Empregado II. É a segunda edición do macroproxecto de emprego máis ambicioso nunha administración galega, que puxo en marcha na Deputación de Lugo o Executivo progresista de Gómez Besteiro.

Pablo Rivera Capón, Deputado do PSOE, subliñou que “a nosa denuncia fixo efecto, posto que hoxe toman posesión dos seus postos de traballo os 12 lucenses desempregados que resultaron beneficiados do concurso público e aberto a todos os cidadáns (foi un proceso por concorrencia competitiva, aprobado na Xunta de Goberno Provincial e publicado no BOP) para a xestión do Ben Empregado II. Tíñano que ter feito o pasado 1 de xullo, pero, sen explicación válida algunha, máis que a de destruír emprego na nosa provincia, o Goberno popular de Elena Candia negouse a dar o visto e prace aos seus contratos. Pois ben, tras as reclamacións dos socialistas ante a inxusta e inexplicable situación na que se atopaban estes profesionais, o PP decidiu rectificar. Non podía ser doutro xeito”.

Outros 3 traballadores aos que o PP lles negaba emprego
“Xunto con estes 12 traballadores, hoxe tamén toman posesión dos seus postos de traballo outros 3 profesionais aos que o Goberno popular de Candia tamén lles negaba continuar cos seus empregos, ao non queren asinar os seus contratos, e dos que estabamos dependentes o Grupo Provincial Socialista na Deputación de Lugo. Trátanse dun administrativo, un enxeñeiro de Edificación e outro de Obra Pública, que tamén aprobaron un proceso público e aberto a todos os cidadáns. Son profesionais que reforzarán a área de Cooperación cos Concellos, – que, por certo, creou o Goberno progresista de Gómez Besteiro-, realizando proxectos para os municipios lugueses e aforrando cartos, deste xeito, ás arcas municipais, pois evitan contratacións externas”, avanzou Rivera Capón.

A contratación destes profesionais, que deixou lista o Executivo progresista, faise en cumprimento coa reforma da Lei de Réxime Local, pois fixa a prestación de novos servizos dende as Deputacións, e contou co respaldo maioritario dos representantes sindicais do organismo provincial.

“O PP rectifica, só en parte”
“E dicimos que o PP rectifica, só en parte, posto que o Grupo Provincial Socialista tamén lle esixiu a inmediata posta en marcha do Ben Empregado II, que o Goberno de Elena Candia mantén totalmente paralizado, bloqueando a creación de 306 empregos de calidade en detrimento de 288 empresas e asociacións lucenses, é dicir, dunha importante parte do noso tecido empresarial”, remarcou o Deputado.

Neste senso, salientou que o Executivo popular “non fixo absolutamente nada con este macroproxecto de emprego. Nós deixamos aberto o proceso de inscrición para os desempregados. Pero a desidia do PP foi tal, -nin tan sequera realizou promoción algunha do Ben Empregado-, que o numero de solicitudes se reduciu nun 40% con respecto á primeira edición. A estas alturas deberían estarse a celebrar os procesos de selección. O PP debería dedicarse a traballar o tempo que lles queda na Deputación de Lugo. Exisímoslle celeridade. No organismo provincial hai excelentes profesionais públicos para desenvolver este proxecto, tal e como o demostraron coa súa primeira edición. Non hai desculpas, só falta de interese”, remarcou.

Mostra da desidia e desinterese do PP
Rivera Capón lembrou que para dar axilidade ao Ben Empregado I, o Goberno progresista de Gómez Besteiro reforzou con máis persoal da Deputación os departamentos de Emprego e Atención ao Cidadá. Ademais, abriu unha oficina de Rexistro nova nas aulas de formación da institución, atendendo todas as dúbidas e solicitudes dos interesados nesta programación. Así se resolveu a primeira edición desta programación e hoxe están a traballar 248 lucenses que estaban no paro en 221 empresas e asociacións sen ánimo de lucro na provincia. “Esta é a diferenza entre o Goberno progresista e o do PP de Candia”, apuntou o socialista.

Exit mobile version