Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP rexeita no pleno da Deputación a proposta do PSOE de reducir a cero euros o custo do servizo de recadación aos Concellos

Lugo, 28 de xullo de 2015.- O PP rexeitou no Pleno da Deputación de Lugo a proposta do PSOE de reducir a cero euros o custo do servizo de recadación aos Concellos e de modificar, segundo a lei, a ordenanza provincial pola que se rexe esta prestación. Fíxoo ao non aceptar a enmenda á totalidade dunha das súas mocións que tiveron que presentar os socialistas polos seguintes motivos:

1º motivo: irregularidade na proposta do PP.- O Partido Popular, amosando un absoluto descoñecemento sobre o funcionamento da Deputación de Lugo, plantexou facer, de xeito irregular, unha modificación na ordenanza provincial sobre o servizo de recadación de impostos municipais que xestiona a Deputación. Fíxoo a través dunha moción, cando isto se ten que realizar polo procedemento legalmente establecido, tal e como propuxo o PSOE na súa enmenda, corrixindo, de xeito, o erro do PP. Isto conleva, en primeiro lugar, a elaboración dun minucioso informe técnico por parte dos profesionais do servizo de recadación provincial. Logo, e en base a este traballo técnico, a presentación dunha proposta de modificación da ordenanza para a súa aprobación inicial na sesión plenaria. Seguidamente, esta proposta tense que expoñer ao público e abrir un período de alegacións para, finalmente, aprobala de xeito definitivo no Pleno da Deputación.

“Populismo: a Deputación nin desahucia, nin executou embargos”
A Deputada socialista, Pilar García Porto, subliñou que “o PP non só desaproveita unha moción, senón que trae unha proposta que, ademais de errónea, é totalmente populista, posto que a Deputación non desahucia, iso fano os bancos. Podería embargar. Non obstante, non executou nin un só embargo polo menos durante os 8 anos de Goberno progresista”.

“Unha proposta de Oposición e non de Goberno”
“Ademais, é unha proposta claramente de Oposición e non de Goberno. O PP chega ata instarse así mesmo, ao Goberno da Deputación. Debería saber que o Executivo Provincial ten potestade para pedir ao servizo de recadación a realización do informe técnico correspondente, así como para, posteriormente, incluír na orde do día do Pleno un punto para a “aprobación inicial da modificación da ordenación de recadación de impostos municipais da Deputación”, engadiu.

2º motivo: mellora a errónea proposta do PP co custe cero para os Concellos: O PSOE propuxo reducir aos cero euro o custo para os Concellos do servizo de recadación de impostos municipais, continuando, deste xeito, coa rebaixa que iniciou dende o Goberno. Fixo esta proposta, “moito máis ambiciosa” que a dos populares, segundo salientou García Porto, tendo en conta a boa situación económica da Deputación logo de que o Executivo progresista conseguise rebaixar a débeda de 122 millóns que deixara o PP no organismo provincial ata os cero euros. Anteriormente, co Goberno do Partido Popular, o organismo provincial retiña aos municipios o 6% do recadado en período voluntario. O Executivo progresista reduciu esta porcentaxe ao 3%.

Postura incoherente do PP
Incoherentemente, posto que en parte (aínda que erroneamente) os populares solicitaban o mesmo, e a pesares das melloras que introduciu o PSOE, o PP negouse a aceptar a enmenda dos socialistas. Deste xeito, non só se negou a modificar esta ordenanza regularmente, senón que tamén se opuxo a reducir a cero euros o custo para os Concellos pola recadación de tributos como o IBI ou de taxas como a da auga que fai a Deputación a 56 municipios.

Outra moción do PP como oposición, aprobada coa enmenda de PSOE e BNG
PSOE e BNG tamén tiveron que presentar unha enmenda da outra moción do PP, neste caso sobre o Pacto Provincial polo Emprego. Trátase, exactamente, da mesma moción que os populares levaron ao Pleno de abril. “Non foron capaces nin de traer unha nova iniciativa a esta sesión plenaria, sendo unha mostra máis da parálise na que manteñen á Deputación e da súa falta de proxecto para Lugo”, subliñou Pablo Rivera. O Deputado socialista explicou o o principal motivo desta enmenda de socialistas e nacionalistas, apuntando que:

“O Partido Popular presenta unha moción de oposición e non de goberno, chegándose a instar a si mesmo, é dicir, ao Executivo Provincial da Deputación de Lugo, para abrir unha Comisión de Investigación sobre o Pacto Provincial polo Emprego. Os populares deberían saber que o Goberno ten potestade para solicitar aos servizos correspondentes desta administración os informes que sexan necesarios para esclarecer calquera dúbida que teñan ao respecto. Non habelo feito, desaproveitando unha moción, é mostra do seu absoluto descoñecemento do funcionamento da Deputación. Seguen a actuar como oposición, aínda estar no Goberno”.

Por este motivo, PSOE e BNG, que coñecen perfectamente o funcionamento do Goberno da Deputación, presentou unha enmenda para “instar á Presidenta da Deputación, no exercicio das súas competencias, que no caso de ter algunha dúbida sobre o funcionamento do Pacto Provincial polo Emprego, solicitar os Servizos correspondentes esta entidade tantos informes como sexan necesarios para velar con contundencia polos intereses da Deputación, dos traballadores e dos alumnos deste programa de emprego”.

Total transparencia e legalidade
Rivera apuntou que “facemos esta proposta para tranquilidade do PP, instándoos a que revisen toda a documentación que precise. O Goberno progresista executou o Pacto Provincial polo Emprego con total transparencia e legalidade, realizando, periódicamente, auditorias por parte da IGAE (Intervención General de la Administración del Estado), que sempre se superaron con nota; así como garantindo os dereitos dos traballadores con cláusulas sociais; cuestión da que debería tomar nota outras administracións como a Xunta”.

Nova incoherencia e máis cortinas de fume
O Deputado socialista remarcou a “incoherencia do PP”, que dubida do funcionamento do Pacto Provincial polo Emprego cando, simultáneamente, pon en marcha 6 novas accións formativas deste plan de emprego en Foz, Mondoñedo, Vilalba, Sarria e Taboada. “Esta moción é unha cortina de fume máis, coa que tratan de ocultar a súa falta de proxecto para Lugo, así como a impecable xestión do Goberno progresista, posto que, aínda ás infundadas críticas dos populares, a oposición/goberno provincial de Candia vese na obriga de continuar coa execución dun macroproxecto de emprego de referencia en Galicia, xa que ofrece accións formativas remuneradas e con prácticas en empresas a máis de 1.000 desempregados na provincia co obxectivo de acadar a súa inserción laboral”, remarcou.

Negativa do PP ás reivindicacións da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo
A moción do PSOE para garantir a supervivencia dos preto de 5.000 produtores de leite foi aprobada grazas aos votos de socialistas e nacionalistas, posto que o PP se abstivo. Deste xeito, os populares negaron o seu apoio ás reivindicacións da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, tal e como se lle fixo saber no Pleno, posto que o PSOE consensuou a súa proposta con este amplo colectivo, redactando, conxuntamente, 10 medidas claramente definidas. O PP xustificou a súa postura apuntando, textualmente, que “non é a peor situación do sector lácteo…, Xunta e Goberno Central están comprometidos co sector…, posto que axilizaron os cobros pola PAC…”. Respondeulles o voceiro provincial socialista, Darío Campos Conde, dicindo que “se consideran que a situación dos gandeiros non é mala, viven noutro mundo. Para que o entendan, póñolles un exemplo ben claro da súa situación: se vostedes teñen unha tenda de zapatos, vostedes fixan o seu prezo. Os gandeiros non. Cobran polo leite o que di a industria, e os prezos nin son os mesmo nin están garantidos. Os gandeiros non ven o apoio que vostedes din de Xunta e Goberno Central. Vostedes non estiveron na manifestación de Santiago, aínda que, recentemente, decidiron integrar á Deputación de Lugo na Plataforma en Defensa do Sector Lácteo. Ir a manifestación non consistía en estar detrás de ningunha pancarta, senón en estar xunto aos seus veciños…”. Pola contra, e unha vez máis de xeito incongruente, o PP si votou a favor da moción do BNG en defensa do lácteo, cando esta recollía algúns dos puntos da do PSOE. Deste xeito, a proposta dos nacionalistas aprobouse por unanimidade.

“Elena la buena ou Elena la breve?”
Grazas ao voto de calidade da Presidenta, Elena Candia, e debido á ausencia dunha dos Deputados do PSOE por motivos médicos, o Pleno da Deputación non aprobou a moción do PSOE, esixindo ao Goberno Central un novo reparto dos obxectivos de estabilidade orzamentaria en beneficio das Comunidades Autónomas e das Entidades Locais. A negativa do PP, supuxo que Pilar García Porto replicase á Presidenta o seguinte: “con esta proposta, o que pretendemos é que o Executivo de Rajoy non castigue aos Concellos co teito de gasto, cando son, ademais, os que menos culpables do déficit público, tal e como constatan todos datos oficiais. Pero coa súa negativa, está a consentir este castigo e, polo tanto, a limitar os investimentos dos Concellos en sanidade, educación e servizos sociais. Coa súa postura, vostede non vai a ser coñecida como pretende por Elena la buena senón por Elena la breve”.

Infraestruturas na Mariña
Por unanimidade, aprobáronse as propostas de PSOE e BNG, instando ao Goberno Central e á Xunta a que mellore as seguintes infraestruturas da Mariña: A-8; Autovía de San Cibrao a Barreiros, N-634, N-642, N-640 de Meira a Lugo e LU-124 de Mondoñedo á Pontenova por Riotorto.

Exit mobile version